Opinión

Aforismos sobre a exhumación de Franco e a "memoria histórica"

  • Estes días, xente relevante dentro do movemento da chamada “memoria histórica” dixo que a exhumación dos restos de Franco do Valle de los Caídos, era un síntoma de "normalización democrática". Dito ao mesmo tempo en que as “Fuerzas y Cuerpos de la Seguridad del Estado” herdadas da Ditadura fan unha "razzia" con métodos brutais en Catalunya e cando os oito rapaces da Altsasu implicados nunha pelexa con gardas civís van cumprir dous anos e medio de cadea, soa a indecencia.
  • Dunha vez por todas: o relevante non é onde estea soterrado Franco (aínda que as súas efixies e a súa tumba estean baixo control militar, non semella o máis intelixente), senón que a sombra do franquismo non condicione todos os poderes públicos do actual Estado español.
  • O da exhumación do ditador é un dos xestos baleiros cos que o PSOE compra, convertendo a "memoria histórica" en moeda de troco, a compracencia da cidadanía co réxime argallado na Transición, agachando (en propio beneficio) a esencia antidemocrática deste.
  • No macrosumario 18/98, o entón xuiz da Audiencia Nacional (antigo Tribunal de Orden Público) Baltasar Garzón concluíu que a desobediencia civil era asimilable ao terrorismo. Criminalizar a disidencia política, foi un dos senlleiros sinais de identidade do franquismo. O movemento memorialístico naceu para combater o esquecemento das vítimas e a impunidade dos represores franquistas; mentres este movemento non concorde en que o réxime de 1978 e a monarquía dos Borbóns reciben a súa lexitimidade de Franco e non rexeite a quen, como Garzón, conculcou dereitos fundamentais ao seu abeiro, a súa conexión coas loitas de arestora a prol dos dereitos individuais e colectivos será cativa.
  • Concluíndo: mentres a correntada da "memoria histórica" non acredite en que as súas arelas de xustiza van máis alá de visibilizar vítimas e denunciar verdugos, e esixen desmontar ese franquismo que nunca se foi, ficará nun exercicio nostálxico cuxa función social esmorecerá sen remedio.

Comentarios