Opinión

A guillotina trouxo a revolución

Pasar da máis fonda depresión á tímida esperanza, atravesando por unha destitución, apupos e moito frío, é posible. Como? Sendo o CD Lugo da presente temporada. Un club abaneado polos continuos trocos na dirección deportiva e no banco que esta pasada fin de semana convocou un circo con pésimo pan na derrota contra co Cádiz (1-2). Esta custoulle o posto ó adestrador Javi López. A chirigota gaditana foi o mesmo coxunto que este martes defendeu con honra o seu feudo fronte a un Levante de Primeira División nos dezaseisavos da Copa (1-1). Como se pasara de tratar os seus males con homeopatía a facelo con ciencia de primeiro nivel.

O partido contra o Cádiz foi a cara B dunha cidade que viviu unha tarde bipolar. Da calefacción e o cheo do Pazo Universitario para o derbi galego que se levou o Breogán fronte ó Obradoiro, ó frío e os asubíos dun Anxo Carro que, por primeira vez en moitos anos, pediu a cabeza do seu adestrador: Javi López. O xogo do CD Lugo viña sendo dende o comezo de tempada unha insípida combinación de posesión sen profundidade e continuas alteracións nas aliñacións. Pero antes que a caída a postos de descenso, o que ía decantar o seu despido ía ser o momento no que a afección albivermella rachase o seu silenzo. Dito e feito. 

O xogo do CD Lugo viña sendo dende o comezo de tempada unha insípida combinación de posesión sen profundidade e continuas alteracións nas aliñacións

 

Tino Saqués, presidente da entidade, actuou coma un emperador e pediu que lle trouxeran a cabeza de Javi López despois da cea. Coma no circo romano, os berros apuntaron á gorxa dun adestrador que chegou a Lugo co hábito de ter sido destituido na maior parte dos equipos nos que estivo. Asemade, levaba varios cursos sen adestrar. Unha imprecisión de rango asinada polo director deportivo albivermello, Emilio Viqueira, que argumentou todo o verán que cada movemento se facía mirando de fronte ó límite salarial imposto pola Liga. O consello de administración non quixo nin agardar ó día seguinte á derrota contra o Cádiz. Fíxolle caso omiso ás rotativas ou ós medios e anunciou o despido ó redor das 1:31 de madrugada, co persoal durmido ou amarrado a algunha garimba.

Comunicado curto pero directo que visibilizou unha decisión en quente. Javi López quedou sen traballo e sen testa deixando ó Lugo en décimo quinta posición e vivo na Copa. Como se despide a un técnico que ten ó equipo coma este fóra do descenso? Esa lectura resultadista fixérona a maior parte dos cronistas de Segunda División, sen ter en conta que é o peor inicio do Lugo dende que ascendeu á categoría de prata, precisamente, fronte ó Cádiz. E que o xogo preguiceiro que se vía semana a semana levaría antes ou despois ó equipo a postos de xofre. Antes de que algún se puxera a facer cálculos sobre a indemnización que recibirá López, quen asinara ata 2020, o club pechou ó seu sustituto. 

O xogo preguiceiro que se vía semana a semana levaría antes ou despois ó equipo a postos de xofre

 

Durante a madrugada imaxináronse conversas con técnicos como Fernando Vázquez ou Curro Torres, que xa se postularan no pasado como candidatos. Nada máis lonxe da realidade. O CD Lugo optou por Alberto Jiménez Monteagudo, un adestrador inédito en Segunda División, categoría que case alcanza o ano pasado co FC Cartagena. Chega logo dunha nefasta experiencia no fútbol grego que durou catro encontros. Bastou escoitar a súa rolda de prensa de presentación para saber que vén decidido a cambiar o rumbo dun Lugo que quere evitar o descenso na Segunda máis competitiva de todos os tempos.

Monteagudo afirmou que seguira todos os partidos do equipo no que vai de tempada. Desvelou ter recibido unha chamada de Emilio Viqueira cando estaba a xogar a fase de promoción de ascenso co equipo cartaxinés, á que dixo nun ‘non, agora’, por respeto ó club no que estaba. Malia a constrición económica na que a priori vive o club, nunca se dispuxo dun plantel tan longo. Isto é algo que agradecerá o novo patrón albivermello. A experiencia nos equipos máis modestos ten demostrado que un bo rexedor vale máis que unha ou dúas estrelas. Sábeo ben o Lugo, que puido gozar do método Setién, un libro de estilo ó que aínda se remiten os seus sucesores cando chegan.

Javi López vivía nun universo de contradicións particulares, analizando os partidos coma quen ve o telexornal. Falando de dominios e erros puntuais que en realidade eran pases sen xeito e descordinación absoluta dun equipo pouco traballado. Bastaron un par de sesións para que Monteagudo inoculara ó plantel unha mordente que lle permitiu empatar en Copa do Rei contra o Levante (1-1). O resultado era o que menos importaba nun encontro encadrado nas absurdas eliminatorias que formula este torneo, que non lle interesa a ninguén máis que o modesto que fai caixa coa visita dun grande.

Bastaron un par de sesións para que Monteagudo inoculara ó plantel unha mordente que lle permitiu empatar en Copa do Rei contra o Levante (1-1)

 

A guillotina trouxo a revolución. Xogaron os menos habituais pero fixérono como se levaran semanas tocándoa entre eles. Bandas lixeiras e retornos esperanzadores como o de Ramón Azeez, peza clave no éxito da primeira volta da pasada campaña que este ano semellaba destinado a cobrar sen xogar. Noutros casos como Jona, chamado a  ser o '9' referencia deste ano, Monteagudo ten moito traballo por diante. Pero foi un partido cheo de vida ofensiva contra un rival de maior categoría. Por que foi posible esta metamorfose? Dunha banda o recén chegado puxo as pezas no taboleiro onde correspondía, fronte ó método contra a natureza de López. Doutra, a evidencia de que o vestiario adoecía coa cachaza dun adestrador ó que se lle ambicionaba o mellor por ter orixe en Samos pero que nunca pasou de Pedrafita. Agora o destino albivermello está nas mans dun manchego pelado que comezou a súa carreira como técnico-xogador do Lucena cordobés en Segunda B, ós que conseguiu salvar do descenso, e que agora ten a misión de facer ó Lugo mellor que, polo menos, catro equipos da categoría, para así evitar o descenso.

Comentarios