Opinión

Fascismo post-liberal, a crise do covid-19 e o Goberno Feijoo

O palabro “negacionista” está a servir para ocultar de xeito contra-democrático dúas certezas con respecto á crise do covid-19. En primeiro lugar, que se están a invisibilizar as críticas e alertas que unha parte importante da comunidade científica internacional ven emitindo dende marzo do 2020 con respecto á ineficacia e destrucción provocada por políticas draconianas e militares de control/erradicación do virus como as impulsadas polo Gobierno de España e a Xunta de Galicia ó abeiro (relativo) da OMS. En segundo lugar, que as ominosas estratexias propagandísticas que impiden que haxa un debate científico e político na esfera pública ó dividir a sociedade entre amigos da Humanidade (os que acatan sen discusión e con fe as medidas) e inimigos da mesma (os que ousan discutilas, sexan estes científicos de prestixio mundial, intelectuais ou diferentes sectores da poboación) é intrinsicamente fascista. Trátase dun fascismo que, malia levar ó limite as pulsións dictatoriais propias do neo-liberalismo, é xa enteiramente post-liberal. Na Galiza estamos na avangarda desta nova variante fascista, tal e como evidencia, non só a “Lei de sanidade” aprobada polo Goberno Feijoo a pasada semana, senón tamén as recentes declaracións de Núñez Feijoo e o conselleiro de sanidade Julio García, ameazando á poboación, criminalizando á hostalaría, animando a que os cidadáns se enfronten entre si e difundido incluso bulos que constituen potenciais atentados contra a saúde pública.

 Neste actual clima de eliminación de todo disenso, termos como “negacionista” ou “terraplanista” están a ser usados de xeito inverso ó do seu significado histórico para desacreditar a todos aqueles que no nome da ciencia están a discutir, como Galileo no seu día, o terraplanismo imposto polo actual terror tecnócrata covidiano. Non debería, pois, sorprender a ninguén, descubrir que os impulsores da maior parte das ideas denominadas delirantemente como negacionistas (crítica á inefectividade das PCR con 40 ct., do confinamento ou do uso xeralizado da mascarilla, aposta pola inmunidade de grupo, etc.) son tres epidemiólogos de prestixio mundial que critican o carácter a-científico e destructor das políticas oficiais contra a covid-19 impulsadas pola OMS: Martin Kulldorf (Universidade de Harvard), Sunetra Gupta (Universidade de Oxford) e Jay Bhattacharya (Universidade de Stanford). Logo da censura sufrida nos medios, estes epidemiólogos decidiron asinar en outubro xunto con corenta e catro autoridades médicas mundialmente recoñecidas –entre elas, Michel Levitt, premio Nóbel de Química en 2013- a chamada Declaración de Great Barrington.

Os autores desta declaración afirman que os confinamentos e a estratexia de rastrexos supón o maior ataque á clase obreira desde os tempos da segregación e a guerra de Vietnam e apostan por unha estratexia de protección focalizada que ten como fin acadar a inmunidade de grupo. Mentres que experiencias de control do covid-19 parcialmente similares ás propostas por este modelo como a de Suecia ou México acadaron un éxito moito maior que as empregadas no estado español, e en ningún caso produciron unha cascada de mortes como a prevista pola OMS, experiencias como a de Florida (quen ten como asesor a Martin Kulldorf, un dos impulsores da Declaración de Great Barrington) amosan que a aposta de protección focalizada que non asedia á poboación sa con confinamentos, toques de queda nin uso xeralizado de mascarillas é a máis exitosa e a que ten maior base científica. Nas últimas semanas, o caso de India parece confirmar a herética hipótese da inmunidade de grupo como a estratexia menos invasiva de control do virus e a que produce menor mortalidade: so así se explican os expertos, incluidos os defensores do modelo OMS, que India baixase notablemente o número de contaxios e mortes unha vez que decidiu abandonar un confinamento draconiano do estilo do que padecemos no estado español. Non debemos, por iso, esquecer o dano que provoca a obsesión das autoridades galegas e españolas con controlar de xeito indiscriminado á poboación sa, deixando desprotexida á poboacion vulnerable, especialmente nas residencias de maiores. Segundo un estudo publicado recentemente no British Medical Journal, o estado español tivo a maior tasa de infeccións por covid-19 en residencias de maiores do mundo: isto é, o estado español é o país que máis fracasou no que debera ser o seu obxectivo principal, protexer ós vulnerables.

Mais, ¿cómo é que non se discuten na esfera pública estratexias como a proposta na Declaración de Great Barrington por algúns dos epidemiólogos de maior sona mundial? ¿Cómo non se someten a análise estudos como o publicado en xaneiro do 2021 por Jay Battacharya e John Ioannidis no European Journal of Clinical Investigation que afirma, logo de examinar o caso de dez países –entre eles o estado español-, que os confinamentos, toques de queda e restriccións non supuxeron ningún descenso significativo nos contaxios nin nas mortes?

Un dos factores que explican a espiral de irracionalidade na que estamos metidos é o fatal abandono de toda discusión científica e política con respecto á crise do coronavirus. Só desta maneira pódese entender que boa parte da comunidade internacional adoptase en marzo do 2020 políticas drásticas de confinamento ante as alertas apocalípticas dun polémico estudo do físico Neil Ferguson (Imperial College) que, como o propio autor recoñeceu, non pasou nin tan sequera o protocolo científico máis básico: a revisión por pares. Esta falta de control público evidenciase no a-criticismo con respecto á OMS, institución irmá do FMI e o Banco Mundial. Este organismo, que conta cun longo historial de corrupción sanitario-política, está financiada en grande parte, como é sabido, pola Bill & Melinda Gates Foundation e Tedros Adhanom Ghebreyesus, o seu presidente, está acusado por Human Rights Watch de xenocidio.

 Sen embargo, o grande muro de contención de todos os debates científicos e políticos que deberíamos estar tendo e non temos non é outro que a mascarilla –sexa esta de papel, tela ou plástico, homologada ou sen homologar- coa que os nosos gobernantes están a conseguir que en lugar de someter as súas políticas a un escrutinio público nos enfrontemos entre nós e renunciemos ó  sentido común que nos permite sobrevivir no día a día. Só deste xeito podemos aceptar sair a correr con mascarilla, meternos nun autobús repleto de xente en plena pandemia ou cometer o imperdoable crime infantil de enmascarillar por cohercitiva recomendación a nenos  de tres anos, e por obligación estricta a nenos de seis. E só así podemos chegar a crer que a mascarilla funciona ó aire libre e que por algún designio máxico podemos desfrutar dun menú do día durante quince ou vinte minutos coa mascarilla baixada e non contaxiar, sen embargo, ó noso comensal (ou contaxiarnos) se despois a subimos con disciplina.

Hai que dicilo ben alto. Non hai ningún estudo de calidade (aleatorizado controlado) que demostre que a mascarilla funciona como cortalumes de transmisión na poboación xeral (moito menos en espazos abertos, onde estudos como o publicado en Environmental Research por Franco Belosi, Marianna Conte e outros amosan que a probabilidade de transmisión ó aire libre é extramadamente baixa). Tal e como indican os epidemiólogos de Oxford, Tom Jefferson e Carl Heneghan, o único estudo aleatorizado controlado feito en poboación (é dicir, o único tipo de estudo científico cuxo deseño permite avaliar a asociación entre un factor de protección ou risco e un efecto determinado), desestima que as mascarillas sexan efectivas na reducción de transmisión da Covid-19. Esta conclusión non difire do consenso que xa existía en canto á transmisión da gripe, tal e como demostra o meta-análisis (revisión que ten o máximo nivel de evidencia científica) publicado polo Centers for Disease Control and Prevention americano en maio de 2020. Conviría, de todos os xeitos, preguntarse con todo o dereito que da ser cidadán e ter unha rede de vidas que defender de poderes arbitrarios, ¿como pode ser que durante o confinamento de tres meses do 2020 saiamos sen mascarilla, estábamos en espacios pechados como supermercados sen mascarilla, e o número de contaxios sen embargo non aumentaba?.         

Por que estamos entrando na era do fascismo post-liberal (e por que o Goberno Feijoo está na avangarda deste novo rexime de destrucción social)

O autoritarismo cientifista que temos enriba de nós (cientifista en tanto en canto no se abre a unha discusión científica e pide sustituir a razón pola fe) é letal para a vida en sociedade, e supón unha evolución expoñencial tanto do fascismo de raíz liberal como do neo-liberal. Non nos atopamos ante o fascismo clásico que Polanyi describeu como unha reacción ás políticas destructoras do liberalismo e que era, en realidade, unha excrecencia do mesmo. Non estamos tampouco ante un exemplo da “dictadura electiva” que Hayek, o máis coñecido ideólogo do neoliberalismo, defendía no caso do Goberno Thatcher como maneira de acabar co poder do parlamento para poder así adoptar unilateralmente medidas como a ilegalización de sindicatos. Malia que o fascismo post-liberal asemellase á dictadura electiva defendida polo neoliberalismo no senso de que pretende implementar por encima da vontade popular e á marxe de toda discusión científica unha determinada racionalidade ou verdade –a das medidas draconianas baseadas en proxeccións matemáticas-, a súa lóxica é ben diferente. Mentres que a dictadura electiva neoliberal anula políticamente a disensión sen extirpar esta da esfera pública, o  fascismo post-liberal aspira a crear un peche total de sentido mediante o cal non so impón as súas medidas, senón que elimina do espazo público toda traza de resistencia racional ás mesmas. Pretende acadar así o que Villacañas describe como unha teoloxía política imperial por medio da eliminación de todas estructuras de distanciamento e discusión da realidade, tales como as ciencias (e con especial énfase, as humanas e as sociais) ou o debate público, para así someternos a un absolutismo do presente no que as decisións das grandes estructuras de gobernanza mundial (e das súas sedes estatais en forma de gobernos) non sexan discutidas pola poboación.

            Esta nova realidade ven sendo anunciada dende hai anos no nome da revolución dixital por institucións como o Foro Económico Mundial, organismo privado presidido de xeito ininterrumpido dende a súa fundación en 1971 (primeiro como entidade europea) por Klaus Schaub, un economista con pasado nazi e con fortes inclinacións fascistas. Os libros de Klaus A Cuarta Revolución Industrial e Covid-19: O Gran Reinicio, promocionados en Davos como axenda do FEM, presentan un futuro inmediato de carácter non democrático no que en nome dalgo que poderiamos chamar ultra-liberalismo dixital, a revolución dixital non sería sometida a ningún control social ou republicano senón que sería un destino natural ó que adaptarse. Neste senso, de acordo ós plans do FEM concretizados parcialmente na axenda 2030, a poboación debera entregarse ós designios de grandes autoridades mundiais que non ocultan (pensemos en Bill Gates ou Ray Kurzweil) a súa intención de implantar unha política de carácter dixital-euxenésico disfrazada do que se denomina como transhumanismo ou singularidade tecnolóxica. Mediante unha estratexia de shock ó estilo das descritas por Naomi Klein, a xestión oficialista da crise do coronavirus é un primeiro ensaio de fascismo post-liberal que pretende implantar no que Husserl denominaba mundo da vida unha dixitalización non democrática que sexa irreversible.

            Non podemos seguir tratando a crise do coronavirus como se non fora unha crise política. Do mesmo xeito que na crise económica do 2008 non nos entregabamos sen unha discusión científica e política ós designios do FMI, non deberíamos agora someternos sen resistencia algunha nin debates públicos ós da OMS, a súa institución paralela. Se no 2008 había disputas entre economistas que pretendían que a economía era unha ciencia exacta baseada en algoritmos e reclamaban austeridade –o equivalente hoxe en día, salvagardando as distancias, de medidas restrictivas- e economistas que consideraban que a economía era  unha ciencia  social e pedían un enfoque que tivese en conta a dimensión social do gasto, agora acontece o mesmo coa mediciña, coa única diferencia de que ese debate existente e real bórrase da esfera pública.

O Goberno Feijoo está na avangarda deste rexime fascista post-liberal que defende os intereses dos grandes poderes contra o ben colectivo (lembremos, por exemplo, o contraste entre a defensa que Feijoo fixo dos intereses privados das residencias Domus Vi e o ataque que realiza sen proba algunha ó sector vulnerable da hostalaría, a quen califica de irresponsable). Facendo boa a definición de Dardot e Laval de neoliberalismo estatal, o Goberno Feijoo procura enfrentar a poboación entre sí, pedindo que uns cidadáns amonesten a outros por ter a mascarilla baixada nunha terraza, para que así a responsabilidade gubernamental se traspase á cidadanía dando lugar ó modelo de empresa-sociedade soñado polo neoliberalismo: unha sociedade policíaca. A “Lei de Saúde” aprobada recentemente intensifica esta lóxica totalitaria de control non democrático da poboación ó reclamar unha “seguridade xurídica” que salvagarde á Xunta da seguridade xurídica que os cidadáns temos por medio das leis con respecto ó poder potencialmente arbitrario do goberno de turno. Este fascismo post-liberal, que pode chegar a decretar a vacinación obrigatoria con multas de ata 600.000 euros nun contexto de confusión e incerteza como o actual, ou crear campos de internamento de contaxiados, só pode crear unha verdade por medio dos equívocos e a falsedade. Non se explica doutro xeito que o Goberno Feijoo non só non propoña un debate científico público das medidas adoptadas, senón que difunda bulos tendentes a reforzar o status quo que poden acabar constituindo delitos contra a saúde pública (nunha das súas últimas comparecencias, Feijoo asegurou que dúas persoas que se reúnan coa mascarilla posta “están blindadas fronte ó virús”, poñendo así en grave risco a cidadáns cunha saúde vulnerable que sigan os seus consellos).

Cumpriría que o Goberno Feijoo fixese públicos os estudos nos que basea as súas arbitrarias decisións –non nos esquezamos de que unha boa parte dos nenos de tres anos levan mascarilla ó colexio – para que estes se sometesen a unha discusión pública. Mereceriamonos, tamen, que algún dos partidos que están na oposición defendese os intereses dos galegos e galegas e deixase dunha vez por todas de entregarse cegamente os cantos de serea da OMS e demais organismos de gobernanza mundial. Para iso xa temos o Goberno central en Madrid.

David Souto Alcalde (Ph.D., New York University) é escritor, así como profesor e investigador de cultura temprano-moderna no Trinity College (EEUU). Ten publicados artigos académicos que exploran o pasado do republicanismo e as relacións entre política e literatura. É autor dos libros de poesía A árbore seca (Espiral Maior, 2008) e Vertixe da choiva (Toxosoutos, 2009). Actualmente prepara un libro sobre as relacións entre republicanismo e a crise do Covid-19 e está rematando un ensaio titulado Republicanismo barroco. El surgimiento de la imaginación republicana moderna en la literatura española temprano-moderna.

Comentarios