Opinión

Trilema

En 2011, Dani Rodrik formulou o seu coñecido trilema sobre a globalización, a democracia e o estado-nación. Se hai máis estado-nación e máis democracia haberá menos globalización. Se hai máis globalización e máis estado-nación será a costa da democracia. Para que haxa máis democracia e máis globalización serían necesarios espazos de decisión transnacionais que suplan o estado-nación.

No relato máis benevolente, a UE naceu co cometido de encarnar esta última opción: globalización + democracia – estado-nación. Na práctica, na UE non desapareceron os estados-nación: Alemaña e Francia son os poderes de facto. Tampouco hai demos europeo: a UE non conseguiu articular un espazo de democracia transnacional. A presidencia da Comisión é nomeada polo Parlamento a proposta do Consello Europeo; o PE é unha caricatura sen iniciativa lexislativa e o BCE, definidor das políticas económicas na zona euro, non ten control democrático. Alguén dirá: a UE necesita tempo para perfeccionarse. Keynes responderalle: no longo prazo, todos mortos.

Na guerra de Ucraína vemos como a UE se enfronta a outro trilema enrevesado composto por estes elementos: 1. A propia UE. 2. Os EUA-OTAN. 3. Rusia. Agardo que se me desculpe non considerar que o que lle suceda a Ucraína importa algo aos principais axentes xeopolíticos. Se hai submisión de Rusia aos EUA (véxanse os anos 90) a UE non pinta nada. Se hai submisión da UE aos EUA, Rusia racha a baralla. Se hai entendemento entre a UE e Rusia, a globalización norteamericana reséntese. Macron expresouno en televisión recentemente: é a UE e non os EUA quen ten a Rusia por veciña e quen debe manter o diálogo con aquela. A relación económica con Rusia é necesaria para que a UE poida aspirar a ser un poder xeopolítico alternativo aos EUA e á emerxente China.

O pregamento da UE aos intereses dos EUA-OTAN conduce ao afastamento de Rusia e esvaece a posibilidade de facer da UE un poder global cunha alternativa civilizacional, isto é, democrática, á globalización norteamericana e á emerxencia de China. Dobregarse ao liderado dos EUA é comungar con que estes se arroguen o papel de árbitros do "mundo libre"  fronte os " "autoritarismos asiáticos". Así China, que aproveitará a asociación con Rusia, reivindicarase como a única alternativa á orde norteamericana. Canto á dependente, envellecida e medrosa UE, malia toda a literatura florida sobre ela escrita, ficará sen papel ningún no teatro mundial.

Comentarios