Opinión

Onde o mundo se chama Ghilarza

Ghilarza é unha aldea situada no centro occidental de Cerdeña. É grande e concentrada de máis para resistir unha comparación coas galegas pero nos seus valados de pedra seca e no uso dese material na construción das casas máis antigas é posible atopar un paralelismo razoable cos nosos lugares; algo menos plausible coa maioría das vilas sardas, nas que predomina o uso do ladrillo pintado de cores ocres e pastel. As casas de Ghilarza están feitas de basalto, unha pedra volcánica de cor negra que lle dá unha gran personalidade á aldea. O predio no que pasou a infancia e a adolescencia Antonio Gramsci era unha desas construcións de basalto. Un fogar con certas comodidades para a época -tiña un pociño de auga nunha sorte de armario embutido na cociña- e un fermoso patio na entrada posterior no que Antonio domesticaba animais que traía do campo.

Segundo mostra Cristiano Sabino no ensaio Gramsci sardista popolare, pertencente ao libro colectivo editado por Sebastiano Ghisu e Alessandro Mongili, Filosofia del Logu. Decolonizare il pensiero e la ricerca in Sardegna (2021), a experiencia sarda e sardista non pode ser reducida a un episodio de xuventude do pensador, senón que debe considerarse unha perspectiva que percorre toda a súa obra e vida e sen a cal non se poden comprender, por exemplo, as súas achegas teóricas sobre o campesiñado e o Mezzogiorno. Sabino pinta un Gramsci federalista que non encaixaría co centralismo que, en certa altura, caracterizaría a concepción do Estado italiano do PCI posterior á súa morte.

Na casa de Ghilarza, ademais de conservarse a memoria do lugar no que a nai de Gramsci penduraba o fillo coa intención de curarlle a deformidade a base de estiralo con pesos nos pés, consérvanse numerosos obxectos e documentos do sardo máis universal -malgré a premio nobel nada en Nuoro, Grazia Deledda, e o tamén líder do PCI Enrico Berlinguer, nado en Sassari-. De entre todas as pertenzas súas chaman a atención unha pequena foto orixinal da nai que o acompañou na súa estancia en prisión e unha edición case que de xoguete da Divina comedia co seu nome escrito a lapis.

Pero hai un obxecto que di moito dese neno criado no rural sardo e cuxa cabeza houbo que encerrar para que deixase de molestar: un carro tradicional en miniatura, cos seus estadullos, as súas canizas e o seu cabezallo, feito en madeira polas hábiles mans daquel rapaz de curta estatura e cargado de ombros que pensaría o mundo sen deixar nunca de ser un sardo.

Comentarios