mércores 14/04/21

Modernos e posmodernos

A posmodernidade peitea canas, pero o debate na esquerda entre modernos e posmodernos ten unha vitalidade envexable. Non sen razón, os modernos acusan aos posmodernos de propiciar certo sentido común tendente a valorizar en exceso o cultural e a interpretación subxectiva da realidade, deixando de lado o materialismo e a dimensión colectiva. Mentres que os segundos acusan aos primeiros de nostalxia por unha normatividade social imaxinada que deixa fóra outras opresións e que reduce todo a un economicismo vulgar. Tampouco esta opinión é de todo errónea: o positivismo socialdemócrata e o stalinismo pecaron destas eivas.

Se os modernos esquecen este pasado, os posmodernos esquecen que a coincidencia do éxito fulgurante de figuras intelectuais ligadas á academia en tempos de derrota da esquerda e de auxe do individualismo neoliberal non é froito da casualidade senón da causalidade. Por outra banda, a redución do movemento emancipador ao académico non debería atribuírse só aos posmodernos: o «marxismo occidental» tamén foi un intelectualismo sen praxe.

A estas alturas, un xa non se pregunta se é posible levar a cabo a síntese superadora desta contradición entre modernos e posmodernos, senón se esa síntese non se produciu xa na propia tradición marxista. Se isto é así, só cabería recuperar o seu espírito para poder avanzar sen experimentar unha ruptura absoluta entre unha e outra corrente. O espírito do que falo é o de dous personaxes que, fronte o marxismo daquela ortodoxo, cuestionaron, desde a acción, o mecanicismo histórico, o economicismo, o obreirismo ou o eurocentrismo. Falo, naturalmente, dese pensador práxico do momento disruptivo que foi Lenin e dese pensador práxico do momento de refluxo e estabilidade do Estado capitalista que foi Gramsci. O heterodoxo Lenin, quen fixo unha revolución “contra O Capital” de Marx, pensou o imperialismo, recoñeceu o dereito de autodeterminación e abriu un mundo para os “pobos sen historia”. Uns pobos que, contra a teoría, protagonizarían todas revolucións socialistas que viu o s. XX. Gramsci, pola súa banda, sen negar a determinación en última instancia do material sobre o cultural, complexizou a relación destes dous ámbitos e mostrou como a determinación era mutua.

Ao meu entender, tomarlle a palabra (e a acción) a estes dous personaxes permitiría facer a síntese que reclaman novas correntes coma a decolonial, a feminista, a LGTBI ou a ecoloxista sen que o materialismo histórico fique polo camiño como palla morta.

comentarios