Opinión

Maastricht 2024

No cadro Xermania e Italia, o pintor alemán Johan Friedrich Overbeck representaba os dous países a través da alegoría de dúas mulleres, unha de pelo castaño e outra de pelo louro. Malia adscribirse ao movemento romántico, Overbeck inspirábase nese lenzo no estilo do primeiro Renacemento italiano, é dicir, a época anterior á Reforma, cando Italia e Alemaña estaban unidas pola mesma fe católica: a "universal".

A utopía europeísta quixo, coma Overbeck, regresar aos tempos en que a cristiandade era unha. Para iso, a Europa do norte debía acoller aos seus irmáns indolentes do sur. Ninguén mellor ca un francés coma o recentemente falecido Jacques Delors (natural do máis protestante dos países católicos), para encarnar, a un tempo, a visión idealista do proxecto europeo e a crúa realidade da Europa existente. Delors, comparado estes días con figuras coma Monnet, Schuman ou Gasperi, foi un dos tantos poetas que cantaron odas a un paraíso imaxinario onde a civilización consegue domesticar os embates da Providencia secular que é o capitalismo. Mais Delors foi tamén o artífice do Tratado de Maastricht, marco legal que, segundo o preclaro documento creado por Xosé Manuel Beiras cando lideraba o BNG no ano 1992, habería levar á Europa do sur a ser, a respecto de Alemaña, o equivalente a Latinoamérica a respecto dos EUA.

Este 2023 que vén de rematar, os ministros de fiananzas da UE asinaron un novo Pacto pola Estabilidade e o Crecemento, cerna de Maastricht. En teoría reformado, o pacto perpetúa as arbitrarias regras fiscais que brandía con inflexibilidade outro cadáver quente, o de Wolfgang Schäuble, durante a crise da débeda soberana de 2010. En Grecia, a lembranza de Schäuble debe resultar tan sinistra coma a do bispo Edvard Verguérus para os nenos Fanny e Alexander. No filme de Bergman, Verguérus pretendía impor un tipo de vida austero e autoritario a través dun "amor ríxido e forte".

Todo segue igual no subcontinente? Non tanto. O Reino Unido dixo adeus ao Reich napoleónico e, ás dúas Europas de Overbeck, sumouse unha terceira no leste onde convive a relixiosidade premoderna co ultraliberalismo anglo. A pretensión universalista fai augas. Europa permite que ardan as súas portas en Ucraína e carece de opinión ante o masacre de Gaza. O "xardín ordenado" é só unha rexión dos EUA. A Latinoamérica europea regresará en 2024 ao corsé de Maastricht. Peor para ela. Pero Delors e Schäuble son hoxe espectros dunha idea de Europa no mundo que xa non é.

Comentarios