Opinión

Gardade os látegos

Cando menos para batervos no propio lombo. Despois de que o PP repetise maioría absoluta xa se leron os reproches de sempre. Cousa curiosa, porque a proposta que presentou o BNG nesta (boísima) campaña contestaba moitos deses lugares comúns.

Exemplos: 1. A hipótese de que o BNG mete un medo cerval nos votantes da dereita, comentario habitual en círculos socialistas nos 90 (outro lugar común desmentido, que xa se repetía daquela, é o do teito electoral do nacionalismo). Ana Pontón presenta un índice de aprobación, tamén en votantes do PP, moi alto. 2. A hipótese da moderación vs. o radicalismo. As maneiras do BNG foron amables, sen estridencias e cunha oferta de cambio razoable. 3. O suposto exceso de escoramento á dereita que, en 2009, faría que moitos votantes de esquerda quedasen na casa. Tampouco semella acaído para un BNG que, en 2024, fai da defensa do estado do benestar o pivote de campaña. 4. A dispersión do voto? Tampouco semella ter sido unha eiva desta volta. 5. O pretendido ruralismo do nacionalismo? Na ría de Vigo é primeira forza. 6. O exceso de moderneo? Tamén en vilas medias consegue bos resultados.

Que resta, logo, ademais de asuntos estruturais coma o desigual reparto de escanos entre provincias, a falta de pluralismo mediático ou o avellentamento da poboación? Se cadra o argumento do PNV galego? O soño húmido dalgúns críticos eternos que, coma os nenos, piden a unha forza de esquerdas, que bastante intelixencia mostra aplicando unha estratexia nacional-popular, construír o partido que as clases abastadas galegas ou non necesitan ou non queren financiar.

Menos autoflaxelación. Mudade o foco da crítica. O nacionalismo galego volve ser un optimizador político. O problema da alternativa ten outro nome: PSdeG-PSOE. Un partido que, malia ser reproducido polo Estado, é incapaz de manter un candidato durante dúas lexislaturas seguidas e só sabe actuar como lobby localista. É o PSOE quen ten que conseguir mobilizar o elector que vota en clave estatal e son eles quen teñen máis capacidade de entrar no electorado morno do PP. Nas municipais fano.

En termos históricos, o nacionalismo galego é un movemento novo e de base popular. Pídeselle a lúa, e iso é bo. Aumenta a súa importancia. Pero se a pata socialista non se engraxa é difícil facerse coa Xunta. Para que o nacionalismo poida facer esa proeza en solitario fica moito traballo de formiga. Pero iso, normalmente, non lle gusta escoitalo a ninguén.

Comentarios