Opinión

Excepción e concertación

"Cando a legalidade basta para salvar a sociedade, a legalidade; cando non basta, a ditaduraV. Estas verbas de Donoso Cortés teñen ascendencia no Estado español. Donoso non falaba da ditadura coma un período longo de ausencia de liberdades. Referíase a un intre de excepción que duraría o necesario para facer o que houbese que facer. Donoso foi un mestre do excepcionalismo que influiría no decisionismo antidemocrático do nazi Carl Schmitt.

Esta semana asistimos a novas mostras da pervivencia das ideas de Donoso na España do presente. Nun Estado tan antigo coma este nada resulta totalmente novo, un sempre está regresando. Mesmo se pode dicir que, en comparación con outros acontecementos turbios pretéritos coma o GAL, o donosismo actual é maxia branca.

O ex ministro de Interior, Fernández-Díaz, argallaba denuncias na AN con Villarejo, rei dos sumidoiros, contra políticos cataláns. Lawfare en comandita coa Fiscalía do Estado. Eran tempos da 1ª lexislatura de M. Rajoy. Un minipunto para El País por publicar os audios.

Falando de El País, Antonio Caños, quen foi director dese xornal, luciuse cun chío no que recoñecía que hai catro anos ese medio traballou para evitar o pacto entre Sánchez e os "populistas e separatistas". Excepcionalismo de prensa libre patriótica. Menos un minipunto para El País por un papelón retroactivo. Daquela prosperou a moción de censura contra Rajoy, despois de que a Sánchez lle saíse mal a repetición de eleccións. Un minipunto para o PSOE por caer da burra.

Pero o Rajoy de Gürtel era o mesmo que, tras utilizar o ministerio de Interior contra cidadáns cataláns, foi colocado de novo na Moncloa (volvemos a 2016) grazas á abstención do PSOE. Menos un minipunto logo para os sociatas.

O pasado domingo celebráronse eleccións en Andalucía, Andalucía, Andalucía, e Moreno Bonilla conseguiu a proeza de acadar a maioría absoluta sen necesidade dunha extrema dereita que, mesmo así, crecía. Moreno imitou a Feijóo e o PSOE andaluz, a non comparecencia do galego. A reacción de Sánchez consistiu en asumir a proposta de Feijóo de baixar o IVE á electricidade mentres a tertulianada facía cánticos á estabilidade dos partidos "de Estado". Quen queira entender que entenda.

España é ese atado e ben atado polo civil ou polo criminal. Liberais e conservadores, falanxistas e opusdeistas, progres e populares bailando a yenka mentres se pode e cando non: ditabranda, ditadura, guerra sucia ou novos pactos da Moncloa. Apuntarase Yolanda Díaz á nova concertación?

Comentarios