Opinión

Europa

Segundo Perry Anderson, houbo catro grandes forzas que impulsaron o proceso de integración europea. O círculo de Monnet, que pretendía evitar guerras no continente como as que o devastaran. Os EUA, que querían un baluarte fronte a URSS. Francia, que desexaba atar en curto a Alemaña e manter o status. Alemaña, que procuraba reunificarse e recuperar a categoría de potencia, perdida no S. XX.

Mais só os EUA acadaron o desexado. Gañaron a Guerra Fría e prolongaron a vida da OTAN. Organización que acordara non estenderse aos países do Pacto de Varsovia. Alemaña converteuse nun mini hexemón sempre deficiente. Tras anos de boicot, o Reino Unido colleu a maleta. Esta Europa alemá produciu moita literatura. Entendíase coma un axente autónomo chamado a civilizar a xeopolítica. En Belgrado viuse que algo fallaba no relato. En Grecia certificouse que a UE non era civilizada nin cos seus socios. 

Alemaña envaiñou o proxecto Nord Stream 2 a raíz da invasión rusa de Ucraína -conflito que, para Michael Hudson, significará a terceira derrota nun século de Alemaña fronte os EUA-. Os poderes non electos da UE metéronnos nunha guerra (Borrell dixit) sen consultar con parlamento ningún. Soaron aplausos ao discurso do lingoreteiro catalán, porque é con aplausos como morren as democracias. Dado o furor bélico entre a patética esquerda-liberal española, o R78 aproveitará para facer un peche oligárquico. O lema ayusista "comunismo ou liberdade" será razón de Estado na forma de "esquerda ou militarismo". 

Dilma Rousseff -perigosa soviet-putinista, que diría Paula Prado- sentenciouno: o lema realpolitiker da OTAN ("USA in, Russia out, Germany down") está a triunfar en 2022. 

Nalgunha festa rachada de Westminster, Boris Johnson e o gang de brexiters -ata hai dous días seres con cheiro a xofre nos media europeos- están a escarallarse ao ver que a UE se transformou, como predixeran pensadores tan dispares coma Poulantzas ou Raymond Aron, nun Canadá. Ou o que é o mesmo: nun feixiño de Inglaterras.

Agora só resta confiar en que a mediación da China consiga parar a loucura da escalada nuclear. Un paso máis cara a unha multipolaridade inevitable (ver as posicións de Turquía ou México a respecto das sancións a Rusia). Estamos nun mundo novo que fire o orgullo de Occidente, quen sempre se creu dono exclusivo. O xigante oriental ten en Ucraína todo o espazo para ocupar o papel abandonado pola UE como garante da diplomacia sobre a guerra. Magro negocio para o proxecto de Monnet.

Comentarios