Opinión

Dicotomías

Discutiuse se o soberanismo debe adoptar teorías, digamos, anticoloniais, ou se debe botar man doutras, digamos, gramscianas. E fíxose, como se adoita nas redes, dun xeito dicotómico. Como se ambas correntes (Gramsci, un antiimperialista que pensou o Mezzogiorno!) fosen excluíntes. Segundo unha idea maximalista do 1º paradigma, Galiza sería unha colonia, na que habería superexplotación da man de obra e desenvolvemento no subdesenvolvemento. Algo que xa non existe nin en moitos dos países do vello “3º Mundo”. Segundo unha idea maximalista do 2º paradigma: Galiza é un país equiparable a calquera outro europeo e os países europeos son equiparables entre si, polo que cabe facer política desde ese presuposto. Algo que a crise do euro desmentiu para o par PIGS-Alemaña e algo que a concentración económica en Madrid desminte para o Estado.

Se prescindimos do trazo groso, vemos que a realidade é máis complexa. Só por falar desta semana, asistimos á pervivencia dun tropo ideolóxico que Edward Said calificaría de colonial: «a Galiza profunda». E vimos a Ana Pontón recriminar a Feijóo que conciba Galiza coma un país pobre e non coma un país rico capaz de autofinanciarse. Se ampliamos o foco, vemos que o acaparamento de terras polas eléctricas para producir enerxía eólica ten rasgos coloniais. Pero gobernar o sistema educativo autonómico ou dirixir a ordenación territorial permitiría transformar o país sen que ningunha metrópole o impedise (ben, salvo que un tribunal decidise bloquear leis da CA ou intervir o Parlamento, como en Cataluña).

Entón, por que estas dicotomías? Arriscarei 3 respostas: 1. Porque moitas das batallas ideolóxicas do soberanismo galego non son tais. Son sublimacións de feridas persoais antigas sen cicatrizar. 2. Porque quen se cre con ideas novas é incapaz para a organización e quen é capaz para a organización é desconfiado cara ás ideas novas. 3. Porque na oposición ao soberanismo maioritario todos os gatos son pardos: os soberanistas críticos alíanse con quen non o son. O cal serve para a ir á contra, pero dá como resultado un sen deus cando se trata de materializar a alianza.

A última década deu para moito. Vimos a case que todos facendo case que de todo. O bo, o regular e o malo. Por iso, pensamos algúns (se cadra só eu!), o que cómpre non é renovar dicotomías xa dadas, menos aínda se son sublimacións, o que compre é reter e superar o pasado a través de novas sínteses. Algo máis fácil de dicir que de facer. Claro.

Comentarios