Opinión

Da reconciliación

Concederon o Nobel de Literatura á escritora Annie Ernaux. Dela lin Os anos (2008) e pareceume unha evocación da vida da clase traballadora da periferia francesa. Prosa delicada sobre os tempos anteriores á homologación capitalista. Pero non vou falar de Ernaux. Ou vou falar de Ernaux honrando aquel verso de Emily Dickinson que dicía: "Di toda a verdade mais día nesgada / o éxito descansa no rodeo". Deamos un rodeo.

A ascendencia de Ernaux en Francia debe ser grande. No libro Regreso a Reims (2009) é citada de xeito explícito. De xeito implícito, case se pode dicir que o libro de Didier Eribon é todo el unha cita. Trátase dun ensaio autobiográfico no que o autor conta a súa necesidade de fuxir dun entorno familiar que o oprimía, impedíndolle colmar as súas aspiracións culturais e desprezando a súa condición homosexual.

Eribon marcha a París, onde descobre un mundo novo. Sofistica os seus gustos, fórmase, frecuenta o ambiente gay, experimenta o maio do 68 desde posicións existencialistas e trotskistas e acaba fregando os cóbados con figuras como Foucault ou Bourdieu. Reims fica lonxe. A trastenda. Orixes escuras –delatadas polo acento– que o cidadán cosmopolita oculta. As peaxes do que Bourdieu chamaba "a distinción" actúan no esquerdista con igual intensidade que no burgués.

Todo é máis fácil para as clases con capital (económico, cultural, social). E porén, hai algo máis. Hai unha diferenza que calquera con orixes na clase traballadora sabe. Hai algo case que ontolóxico. O simple modo de estar no mundo, a seguridade inherente á sensación de ocupar o lugar que che corresponde. O subalterno nunca se libera de todo da sombra do vello labrego tímido e tatexante. Da intemperie. Eribon comprende isto. Sabe que é heroico o que conseguiu. E sabe que por máis que pretenda facer tabula rasa, esa xente da periferia que antes votaba aos comunistas e hoxe á Front National, xente da que se separou ata o punto de non ter nada do que falar, segue a ser a súa xente. Tamén eles tiveron que facer fronte á vida en peores condicións de partida, coma cabalos pexados. Entón emprende a reconciliación. Coma o Adrián Solovio dos vellos galeguistas que descubrían as raíces viaxando por Mitteleuropa. A negación da negación. O paso que moitos non conseguen dar, afeitos xa ao novo status no que sempre estarán de prestado.

Literatura propia da resaca da globalización. Inventario de gañadores e perdedores. E das feridas a sangrar que deixa o proceso.

Comentarios