Opinión

Coma en Irlanda

No exhaustivo e voluminoso libro de Xavier R. Madriñán A figuración galega de Irlanda (1840-1936) (Laiovento, 2021) faise un percorrido polo interese dos intelectuais galeguistas por Irlanda en tanto que modelo para Galiza. Un percorrido igual de demorado que o que se ofrece da historia política irlandesa. Velaquí, pois, un excelente libro que, en realidade, contén dous.

A imaxinería celta foi a estratexia cultural rexionalista para renovar a confianza nun país que se consideraba prostrado e humillado. A asociación cun pobo heroico do pasado non foi excepcional na Europa do XIX. Tamén as nacións con Estado o facían, e ata Francia, estado-nación por antonomasia, viviu o seu momento de exaltación do "galo" fronte o teutón.

O que rechama da atracción que xeraba Irlanda na intelectualidade galega é que a illa era vista a un tempo como sumum da celticidade e como lugar secularmente miserable e periférico. Pobreza, sinala Madriñán, achacada adoito, no ámbito británico, á propia esencia dos irlandeses.

Esta coincidencia do positivo e o negativo (Irlanda como a celticidade admirada e Irlanda como nación fracasada) encarna a dialéctica na que se insire calquera movemento emancipador. O soño de liberación nacional nace da consciencia que ten un país de non estar a desenvolver todas as súas potencialidades debido á inxerencia doutro. Pero a prostración pode ser lida tamén como síntoma de que as potencialidades autóctonas foron, histórica e intrinsecamente, deficientes.

Na cuestión do "atraso", da "colonialidade", da "periferización", esta dialéctica de contrarios está moi presente. O suxeito político debe manter un equilibrio entre o negativo da súa situación presente e o positivo das súas características intrínsecas. Se a énfase no negativo é excesiva éivase a autoconfianza. Se predomina a énfase no positivo, cabe colexir que, en realidade, non fai falta liberación: xa se vive no mellor dos mundos posibles.

Vén todo isto a conto dunhas declaracións de Ana Pontón nas que sinalou, a propósito do debate sobre o financiamento autonómico, que "a idea de que Galiza é pobre e dependente do Estado ademais de falsa debilita a nosa posición negociadora". As palabras poden interpretarse como unha emenda ás ideas da teoría da dependencia hexemónicas no soberanismo galego. Eu teño para min, polo contrario, que as declaracións son mostra de que o discurso do soberanismo galego é máis complexo, dialéctico e afincado cos pés na terra que o que certas caricaturas dan a entender.

Comentarios