Opinión

Cantonalismo

Pásame un amigo a novela Mr. Witt en el cantón, de Ramón J. Sender. Unha historia ambientada nos tempos revolucionarios do cantón de Cartaxena. Sender, un home de esquerdas que viu como os fascistas fusilaban a súa muller e irmán e que se exiliou en México e nos EUA, era aragonés e dicía cousas como que "se hai algo artificial na península ibérica é a unidade". Dicía tamén que non hai españois: hai cataláns, andaluces, casteláns, etc.; sendo así que, en América, "só se chamaban 'españois' […] aos fillos dos pais naturais dalgunha desas nacións, peninsulares pero vidos ao mundo nese continente". Ideas, as de Sender, non afastadas das do noso Castelao.

Vén isto a conto polas reaccións de abraio que está a causar a irrupción de agrupacións provinciais nas eleccións de Castela e León. Semella que a opinión publicada estatal, sobre todo a progresista, descoñecese a súa propia historia. O peor que lle pode suceder a esas candidaturas é que tamén elas a descoñezan e, baixo o paraugas da "España baleira", pretendan encarnar unha marca especializada do nacionalismo español.

Da mesma realidade previa ao estado-nación burgués que aniña de xeito latente en case cada recanto da península nacen tres movementos que conseguiron autoconceptualizarse e constituírse como proxectos con vocación nacional. O catalanismo e o vasquismo, coa axuda da transversalidade que outorga posuír unha burguesía con intereses propios. E o galeguismo, co mérito engadido —non suficientemente valorado polas nosas tendencias masoquistas— de ser, ata os nosos días, un movemento netamente popular.

É habitual a apelación ao tempo presente como argumento cauterizador de calquera reminiscencia do pasado —"en pleno s. XXI!", adoita dicirse como se significase algo—. Absurdo. En pleno s. XXI, as eleccións de Castela e León confirmaron ronseis históricos profundos: 1. O españolismo é o marco ideolóxico das elites que mandan no Estado desde tempo inmemorial. A reacción. 2. A apelación ao territorio, ás nacións como sinónimo do popular, é o marco no que se desenvolve a resistencia e o posible contraataque. Ben era que a esquerda española tomase nota, aínda que un xa perdeu a esperanza nesa esquerda que, como o Lasalle evocado na crítica ao programa de Gotha de Marx, quería construír unha nova sociedade cos empréstitos do Estado. Mellor lle iría a eles e tamén a nós, na medida en que padecemos o mesmo Estado e non desexamos que este se converta, como tantas veces no pasado, nun inferno. 

Comentarios