Opinión

Bots-afumeiros

No PPdeG están afeitos a que os medios, incluídos os públicos, actúen como unha "Consellería da felicidade". Cando, malia todo, perden o control do relato, sucédelles o que lle sucede a Feijóo en Madrid: que as carencias afloran como canas nos 40.

Desde o inicio da crise dos pellets, o PPdeG loita por tirar o foco de enriba co nerviosismo de quen espanta unha avespa da cara. Mais como a poalla de información sobre as costas persitirá durante un tempo, no PPdeG pensaron que cumpría pasar á ofensiva cun Storytelling alternativo: o do exército de "bots-afumeiros" do BNG e o PSdG sementando fake news sobre Rueda. Problema de poñer a Paula Prado co gorriño de aluminio? Que se debilita a suposta omnipotencia do PPdeG e se suxire que a oposición ten ases na manga. Mal negocio para a idea da maioría imparable. Ao fin e ao cabo, un as é unha carta gañadora.

Comentarios