Opinión

Situación (máis) difícil

A lectura é un exercicio do pensamento e ao ler, lémonos. Cóntolles. Lin (vin) na Toxa servidores da orde apuxar e zapatear ao chan o Presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira. Imaxe a imaxe (nun texto triste), da lectura quitei que aquilo foi grave. Tamén foi ao chan a nosa dignidade. Unha desconsideración absoluta para a Institución (A Mesa) por pedir xustiza no marco da legalidade (cumprir a lei), pois os topónimos sono na nosa lingua. A Toxa non é La Toja. O pobo pon os nomes e ninguén lle emendará a plana e moito menos usar a lingua como un instrumento partidista. Foi amputar a democracia. Un anaco significativo de nós, representado en Marcos, tamén deu no chan. Alguén, non co “sentidiño”, e si con sentido de país, debese informar quen eran as persoas (de altísima calidade humana) que alí se concentraron e por que.Velaí o desamor a Galiza.

A situación ponse (máis) difícil para a nosa lingua galega.A súa discriminación (legalizada) é persistente. De aí a necesidade de organizacións activistas contra as políticas lingüicidas. Non é para menos estar na fura de diante, pois o de “ La Toja” colócanos máis na nada como pobo. Non se traballa co pobo para o pobo. A rudeza do actuar na Toxa foino na ignorancia e na soberbia. Non queda outra que militar nas teimosías, xa que a Política Lingüística non depende só de quen ghoberne. Prohibir facer algo en galego din que non é “político”, pero facelo, si. Vaia razóns. Quen garante os nosos dereitos lingüísticos? Diante nosa non deixaremos diluír a nosa lingua. Ou preocúpalles que o galego sexa útil?

Comentarios