Opinión

Refestexo

De sempre houbo expectativas polo día logo da festa. No caso de Compostela pasado o vintecinco, co engadido da noite dos fogos, iamos á Praza do Hospital revisar lousa a lousa. Sempre quedaba algo, algunha moeda, ou pólvora dos fogos que servía para ir ao Campo da Leña xogar aos pirotécnicos. As mans sufriron o irradiar da pólvora. Polo Ribeiro, logo dos dous días da festa e cedo, caíamos polo campo por atopar algo. A luz na festa non era moita e a de carburo dos carros escasa. Atopabamos algunha moeda de dous reais, de patacón ou cadela, e se as caso algunha de peseta rubia. No Ribeiro, se as mozas querían, ese día de logo, chamaban un gaiteiro ou acordeonista. Farían o refestexo. Nos dous lados alimentábanse as ilusións para todo o ano. Os amores. E tíñanse en conta  as novidades que viñeron cos e coas festeiras, as atraccións. Reforzábanse co refestexo.

Onte (8m) foi o día das mulleres posto en intensidade.Motivación obrigada e presenza nos espazos públicos con poder emancipador e resistencia.A pandemia, os e as gobernantas asombraron o día. Sobre todo a dereita posta a converter o feminismo e as feministas en problemáticas. Pero de nada lles vale metelas na casa, pois o momento expansivo ( efervescente) do feminismo non casa co “sentidiño” oficial patriarcal. Non serán quen de rebaixar o contido político desta data, nin o dos seguintes días que veñan. Tampouco quen de lles marcar o paso ás mulleres, pois cada vez estas posúen maior capital emancipador, carga de rebeldía e forzas.Efecto coral potente pola igualdade. Sendo e estando. Sentindo.O futuro a tempo.Veña refestexo.

Comentarios