Opinión

Nin ser felices nin comer perdices

O Entroido volveu ás casas, pero non todos os disfraces, di Koldo Campos, volveron aos armarios. Por iso pódense pedir moitas cousas sendo outros. E así este marzo de inverno que vai enfiando portas para fóra, asegundo pasa cos seus días postos, vai deixando a ronsel ben que pensar. Nel foi a muller, a clase obreira galega, a oralidade, a poesía, a primavera. E así por dar a significar algo, o tema, aínda que se queira dicir tópico, está en integrar todas esas referencias vivenciais con outras nos nosos proandares de vida e tamén nos proxectos, tanto a nivel persoal, como social e así irmos poñendo ao día, recuperando e fomentando, valores que nos determinen na decencia, na honestidade, na solidariedade, na liberdade, na igualdade, sen distingos, nin filtros, ben de procedencia ben de color ou xénero. Non ha ser bo permitir que o individualismo prime sobre os intereses colectivos. Tampouco que o emprendemento e a iniciativa persoal vallan como modelos de desenvolvemento social para proxectos xeradores de emprego e bens para a sociedade. O social non pode quedar relegado a prol de proxectos individuais soportados por tecnoloxías e sistemas que faciliten o control do "grande ollo". Non é casual o aflore e polinización de actividades (profesións?) que non implican ningún tipo de responsabilidades, nin esforzos (e non poucas veces subsidiados por estamentos públicos). O seu obxectivo e gañar cartos en abundancia no menos tempo posible e sen aportar bens (plusvalías) á sociedade. Velaí os valores que perseguen unha boa parte de xeracións que non cuestionan nada, que nin son felices nin comen perdices. O mundo mellor, xusto e igualitario, para estas xeracións, pasou. A utopía é caspa tóxica. Por riba non é nada doado saírse dos renxeres, ouveos e laretadas de tantos expertos infalibles (diríamos que puros opinantes) nos medios de comunicación con poses de profundadores insignes. E que ben se lles paga o relato. Non está mal recordar as palabras de J. Pulitzer: "un xornalismo cínico, mercenario e demagóxico producirá unha cidadanía cínica, mercenaria e demagóxica". E velaí estamos.

Que o Goberno en Galicia (x3) (xa Madrigalego) teima en meter os seus "valores" non é un segredo, salvo para quen almorzan con rodas de muíño. Notamos a fenda que nos montan entre o que fan e os nosos desexos? Queren levarnos por un camiño no que, como dicía F. Dostoieuski, "a tolerancia chegará a tal nivel, que as persoas intelixentes terán prohibido pensar para non ofender os imbéciles".

Dime o veciño sabio de case cen anos que o mundo está como lle gusta ao demo. Eu contéstolle que madia leva!, que vai de certo. A realidade é de cabreo e a esperanza non basta como consolo. El teremos que abeirar os pesimismos? Mira que nos educaron con historias de final feliz (e Hollywood acostumounos), pero o conto non está para ser felices nin comer perdices.

Comentarios