Opinión

De hoxe para mañá

Que importante é a memoria democrática, a que nos dá a posibilidade de comprender a “marabilla” da nosa realidade presente. Moitos din que mellor non darlle voltas ao que hai e así o que hai… é (e punto). Nada ten que ver co que foi. Eses non pasan de “primeiro de entender”. Riscan as verdades incómodas, cálanas e cóbrenas con palabras de desmemoria. Por iso é ben recordar, poñer a saber, que o 27 de xuño, hai 90 anos, proclamouse a República Galega. Alonso Ríos foi nomeado presidente da Xunta Revolucionaria: No seu discurso declara a independencia da Galiza. “Soamente Galiza nos interesa” (dixo).

Izando na casa do Concello de Compostela a bandeira galega proclámase o Estado Galego. Desde alí agardan que os demais lugares de Galiza “se alcen na defensa da rebeldía e soberanía do Pobo Galego fronte ao Poder Central”. Por outra parte, o 28 deste mes, hai 85 anos, celebrouse o referendo do Estatuto de Galiza (aquel orixinario do anteproxecto do ano 32 elaborado polo Seminario de Estudos Galegos, presentado por Carvalho Calero, Lois Tobío, Alexandre Bóveda, Paz Andrade e Risco). O resultado foi o si a favor (o 99% do censo de votos).

Velaí dous referentes para nós, desde a historia e memoria compartida, que nos alimentan desde a identidade, favorecen a convivencia e crean espazos de confianza. Hai que romper cegueiras e xordeiras. M. Benedetti dicía: “Mata a indiferenza e enche a historia de vida”. Temos moito ao que mirar para saber e tomar camiño. Ollo cos arietes que branquean aos falsarios da historia.

Comentarios