Opinión

Beber(che) os aires

Mañá, 17 de agosto, de forma significativa e relevante, lembraremos a figura de Alexandre Bóveda e doutras e doutros mártires.

Nos aires a ventos de lumes, así como tamén no cacarexo espurio de como alumar as rúas e tendas de Madrid , que o Goberno de alá lles siga o xogo, vale, pero que nos deixen en paz, sobre todo os opinadores, tropa mediática, loros adestrados, que se din ser a voz, si, a dos seus donos, e pregoan darnos cabos de salvación que non precisamos, que sabemos amañarnos e máis saberíamos sen as súas interferencias, repetimos, neses aires a ventos de lumes acompasados, como bebéndoos, de labio agreteiro, como diría Don Ramón Otero Pedraio cando se refería aos viños ácidos, por iso así eses ventos un sofre tomalos na nai Terra, Galiza, na maldición de cada verao, por nós agardada e nada previda, nin por tela importante, polo Goberno de Galicia Galicia, Galicia, agora máis que antes el tan de mandas e mandados madrigalegos. Velos aí os aires a ventos de lumes, a bebelos a mal vivilos e a peor sufrilos. Para cando a vendima nova?

Logo tamén na sede e seca deste agosto, un para ben vai bebendo a grolos saborosas esencias de nación. Bebendo como facía Don Ánxel Fole, si señor, como as galiñas, pouco a pouco, e mirando arriba, que así a certo mo contou o Mero na campa da festa en compaña de Lois Diéguez e Séchu Sende. Bebida pois de esencias de nación, ambrosía e almibre, que nos poñen no sitio, que nos activan o sensorial e o sentimental, as emocións primeiras fundamentais, o gusto e o gustar, o sabor e o saber. E falando dalgunhas delas direi o envolvente irmandado de Pardiñas, tres días de vivir intensamente, de máis vivir, direi, en Guitiriz no recordo presente (por ausencia física) de Alfonso Blanco Torrado. Espazo de convivencia a propostas lúdicas, creativas, festa rachada, motivada e desexada. Moi sentida. Alí determínase como noutros lugares tan nosos a valía restauradora, innovadora, do rural (neste caso chairego) para aportar cualitativamente nome propio a Galiza pobo do galego.

Contemporaneidade. Contido comprensivo e forma ilusionante que conmove. Marabilla. Canta modernidade. A avoa de Raúl Río dicía, falando de anos e velleces, que os “farrapos” eran os únicos que son: vellos. Pois ata iso en Pardiñas, entre moita boa xente, militancia, proxectos, artesanía, músicas, Lingua e Cultura e máis, alí, respectando a avoa do Raúl, nin os farrapos son vellos.

E así seguindo na bebedeira, a dos nosos aires a ventos de dozura nacional, sentimos tamén estes días que correron (e nos que virán), no padal significativo dos corazóns, a frescura e melura tan gozosas da nosa memoria. Memoria colectiva popular, galega e democrática, viva e activada. Posta en presente para intuír futuro. E velaí están como referentes sen seren únicos, os nomes de: Moncho Reboiras, Camilo Díaz Valiño, o “Curuxás”, Carlos Parrado e mais outras e outros aloitadores da liberdade e a días de vir, no vivir a sabor e saber dos seus aires a ventos de vida e afectos, tamén en nós han estar en devoción, fidelidade e permanencia de presenza continuada: Ánxel Casal, Avelino Pousa, e mañá mesmo 17 de agosto, de forma significativa e relevante, como representación de todas e todos os nosos mártires exemplares, salientaremos de maneira devocional e patriótica a figura de Alexandre Bóveda. Farémolo na Caeira de Poio, no San Amaro e na Praza do Curros Enríquez da boa vila que mata a sede, Pontevedra, hoxe é Galiza toda feita Universo azul e branco a ceo vermello de estrela de liberdade. Velaí Bóveda, irmao noso ferozmente asasinado, permanente en nós, aloitador da Galiza como ensoñación (como así o definiu X. M. Beiras). El canto traballo político, propostas e ideas, compartiu cos seus irmaos e irmás galeguistas, en especial con Castelao, Vítor Casas, Gallástegui, Rajoy Lelup, e tantos máis. A súa memoria, como di X. M. Beiras, “é unha presenza que acusa. Bóveda reaparecido, vólveno fusilar. Bóveda refusilado: retrato descarnado do poder actual”. E di X. M. Álvarez Cáccamo: “A sociedade civil, o pobo, vaise manter alerta en defensa da Memoria Histórica da que ti, Alexandre Bóveda, es cerna acesa na madrugada do dezasete de agosto”. Non máis aires por riba de cabezas gachas.

Comentarios