martes 29/09/20

Asumir

Miña avoa cando discutíamos de comparacións sempre me retrucaba: “ En cada rocha seu fuso e en cada terra seu uso”. Iso igualaba moito. Non sei se por terras dos Peares este falar anda na xente para que algo de letra lle quedase ao señor Feijoo para pensalo. E dígo iso, pois nas improvisacións, no desmadre, polo comezo de curso, por moito que o tapen todo, el négase a asumir que Galiza ten a súa roca e o seu fuso. E así  en Educación non vai ser menos.

El non asume que cada lugar é distinto e que nós temos o que outros non teñen. El non quere gobernar unha nacionalidade histórica (nación para nós), pois iso conleva exercer competencias (que están sen completar) determinadas no marco estatutario e que o responsabiliza facer política acorde á nosa identidade.

Dá xenreira velo practicando desinformación, na mentira e desnortado, laiándose  polos medios amigos, tamén na RTVG, e pedindo rendido que para comezar o curso, sexa o Goberno do Estado quen lle marque referentes para el aplicalos, obrando así na maldade dos incompetentes afastándose das responsabilidades e coa culpabilidade nos petos para tirarlla ao Estado en canto se dea o caso. Non ten iniciativas e prefire ser un siareiro cativo do estropicio para berrar e levantar as bancadas. E hai que ver a cantidade de expertos infalibles que o arrodean.

Baralla e baralla, pero non dá cartas. Que  pouco edificante é velo andar coa “bandeira a media asta” pedindo árnica por portas e posto na política da queixa. Non chega ser Presidente de Galicia (ao cubo). Goberne  Galiza. A educación pública interesa. Asúmao ou déixeo.

comentarios