Opinión

Agosto (sen) desconexións

Omes de agosto queren que sexa mes de soltura e desconexión, que produza condutas de troula a sabor salgado e a vida do mellor. E non debía, pois hai moito no que pensar e facer. Non son poucos os desacougos e moitas as convulsións, por tantos sucedidos. Por iso ben delas e deles andamos na afirmación dos tempos gañados, xa que nas conquistas nótanse abstencións e cansazos e non se está para bromas, pois, ao pé do que ocorre e se padece, na cosmovisión vital (da) en igualdade, en calquera mes dos anos, a loita ha ser permanente contra as violencias e defensas dos dereitos civís. Todos os meses son claves.

E no antedito farase notar o decidido “stop” á LGTBIfobia, así como as loitas feministas e antirracistas, reivindicando políticas de igualdade que atallen de forma intolerante os delitos de odio e violencia (tamén institucional). Todas e todos queremos unha vida que non sexa camaleónica, pois sendo defínese a beleza do que se é. O vivir ha ser tolerante, comprensivo e inclusivo. Medrar, aceptarnos como somos e así facelo cos demais. Vale meterse nos armarios e pecharse con cadeados o resto das vidas? O aquel de que “está moi ben, pero que o fagan… eu non”, serve? Visibilidade.

A vida cotiá vai en trincheiras, pisando campos de minas, depende dos pasos que se dean. Sabemos que hai desalmados que vixían, que agriden, que matan, pero vivir con naturalidade coherentemente, fai que se goce do quen somos. Paisaxe na paisaxe. Conquistar os dereitos foi duro. Doado será perdelos se non loitamos. Queirámonos. O arco da vella ten as súas colores. Luz de luces.

Comentarios