Opinión

A porta aberta

A porta está aberta (nunca se lle pechou) e el, o noviño ano, xa velo aquí anda. Como diría miña avoa "oghallá non se malogre e que noso Señor lle poña un anxo que o garde de males e perigos". Veremos. O caso é que nestas, exercendo a intuición (e baseándonos no (con)vivido ata agora), un quere aquí, xa pasado o "feliz engano" dos reis, dar un algo conta do que lle parece a cousa referida ao futuro. Facelo, si, xa que un de por vida se sente mestre e que entre outras cousas máis traballa (e vive) por unha educación, como propoñía Paulo Freire, que posibilite á muller e ao home a discusión valente da súa problemática. Unha educación que advirta dos perigos destes tempos  para que, sabendo deles e conscientes, se gañen as forzas e as coraxes de loitar, no canto de se deixar ir (tal como arrastras), sometidos a prescricións e receitas alleas. Unha educación que nos coloque en diálogo permanente cos e coas outras nos saque do quietismo e que nos leve procurar as verdades en común. Verdades que pertencen á palabra propia e nosa. A que tamén se abrirá camiño entre a mentira. Así o entendemos e asemade así o vemos preciso, pois os resultados de arestora son imperfectos. E entre todas e todos toca resolver. Este ano hai que denunciar quen deben sacarse os disfraces de demócratas e que non se afagan á nosa pobreza. Que se nos escoite. Son horas de sermos protagonistas totais de nós.

A cousa para o futuro non pinta ben. Esta "democracia monárquica" segue téndonos  dentro dunha gaiola metida noutras maiores poderosas. O goberno en Galicia (x3) "sobre rodas" asubía e no canto de poñerse nas súas, vai, e vendo pasar por diante as súas penalidades e fracasos, dedícase a botarlle "saetas dolorosas" ao Goberno Español. Cantares son que os leva o vento, sen ningún deles dous conxugar a verdade do verbo recoñecer e sen demostrar que a democracia implica ben máis que votar. Velaí a necesidade dun novo ciclo democrático en Galiza con espazo para todos e todas convivindo e traballando polo marco da nosa esencial soberanía. Ciclo pois con elementos de esperanza e que non ignore os temas "incómodos". Hai que miralos. Basta da falsa "cordialidade" (que é simplemente "corrección política" de se baixar ao superior). Necesítase que se afirmen os nosos pronomes. Descubramos de vez a violencia "democrática" tan xorda que nos atinxe cada día. Non queda outra que resetear o formato político deste pobo. O noso poeta nacional Manuel María ao despedirnos e mirándonos de fronte, en palabras de limpeza, dicíanos: " portádevos mal, que aínda sodes novos e tedes forzas", (e nós engadimos que debemos ser rebeldes e non diremos subversivos porque sempre haberá quen lle dea voltas e revoltas á palabra para marear). Non permitamos nestes tempos que van (e nos que han ir) que nos desactiven a autoestima. Temos moitos camiños que desbravar. A nosa nación non pode estar desenamorada.

Comentarios