Opinión

“Tío Deivi”

Estaba a ler sobre a experiencia traumática que sufriron no Orgullo de Madrid os membros do partido Ciudadanos cando a voz do meu sobriño me devolveu á realidade: “Deivi, isto non ten sentido, ese home xa ten fillos, se ten fillos é que está casado.” 

Na Patrulla Canina unha personaxe estaba a preparar a súa voda e parecía que a Pablo aquilo non lle tiña moito xeito. Ten sete anos e, aínda que é castelanfalante, fai un esforzo por comunicarse comigo en galego desde que comezou na educación primaria. Vese que ten unha mestra implicada coa normalización e co uso da lingua.  

Deivi, se xa ten fillos, por que está a preparar a súa voda? A xente con fillos xa está casada”. Pertenzo a ese grupo de homosexuais que serán sempre tíos. Tío Deivi, no meu caso. Sempre serei tío polo feito de que, como feminista, me nego a mercar úteros para satisfacer o meu desexo de ser pai. E tío tamén polo feito de que unha vida de traballo en precario non me chegará para cumprir cos requisitos que esixe a adopción: un proceso baseado en méritos máis económicos que afectivos. Unha vítima máis do sistema meritocrático actual. “Non ten nada que ver. Casar é unha construción social e ter fillos é un proceso biolóxico. Ti non ves que aínda que non teñen casamentos nin os cans nin os gatos e teñen fillos igual?”. Quedou cavilando.

Sempre fai iso cando hai un termo que non entende, neste caso o das construcións sociais. Pensativo, miraba os debuxos tentando atopar algún fallo máis no guión. “Deivi, eu de maior quero ser solteiro coma ti”. O de Deivi recórdame que os rapaces de hoxe medran con máis expresións e coñecemento da cultura anglosaxoa que da propia. No caso de Pablo, coñece máis expresións de youtubeiros mexicanos que propias. Non o culpo. Cando o vou buscar á saída do colexio presenzo abraiado as nais falar entre elas na nosa lingua e, acto seguido, cando ven os seus nenos saír coas mochilas ás costas preguntarlles “¿Qué tal te fue hoy el día? ¿Has hecho muchos amiguitos?”.  

“Pero eu non son solteiro. Non ves que eu teño un compañeiro? Imos ao cine, durmimos xuntos, dámonos biquiños…”. Si que o sabía, claro, mais nunca reparara en que iso era tamén unha parella. Quedou cavilando outra vez. Desta volta facendo memoria en todas as cousas que fixeramos xuntos os tres. Todos os sobriños do mundo terían un Tío Deivi ou tocaríalle só a el? 

“Pero vós non vos prohibides cousas. Eu deixei a miña moza porque sempre tiña que estar con ela. E non me deixaba ir xogar ao fútbol. E eu así non quero unha moza, eu quero unha moza que xogue ao fútbol”. Vivía por e para o fútbol. Ensineille a escribir motivado por saber grafar “penalti”, “córner” ou “gardameta”. Imaxino que o feito de que ningún adulto lle preguntara se tiña mozo en vez de moza o despistaba. Nunca escoitara de ningún futbolista que tivera un escaqueo amoroso con outro home. Nin vira na tele ningún rapaz xogando coa nai. 

“Iso son construcións sociais tamén. Non ves que ás nenas non lles deixan pasalo ben? Que todos os seus xoguetes son aburridos? Que teñen que estar preocupadas en coidar, alimentar e limpar? Nunca lles deixan pasalo ben. Nunca poden desfrutar”. Debeu de repasar na mente a vida que vivía a súa curmá, da mesma idade. Era o seu refente femenino máis próximo. Seguiu a darlle volta aos miolos. De cando en vez miraba para min, como atando cabos ou buscando similitudes entre a miña vida e a vida do resto dos mortais. 

“A min tampouco me deixan desfrutar. Porque eu quero vestir sempre de gardameta e hai días en que non me deixan e teño que poner uns chinos e botar gomina. Deivi, dúas mulleres tamén poden ser unha parella?”. 

Asentín e continuei lendo as horrorosas aventuras de Albert Rivera e Arrimadas no Orgullo. Preguntándome se eles tamén foron algunha vez invisibéis aos ollos das súas familias. Se tamén lles prohibiran desfrutar. Se lles negaran algunha vez sentir.  

Pablo parecía ter rematado de cavilar sobre as construcións sociais. “Entón, Deivi, vestir de domingo é unha construción social?”. Orgullo de ti, meu sobriño. 

Comentarios