Opinión

Ano 0 d.C.

O certo é que estaba por escribir un artigo de agradecemento ás doazóns de Amancio Ortega, mais rouboume a chuleta un neno do Bangladesh e coseu unha máscara con ela. Así que vouvos falar sobre como estou a vivir o confinamento.

Teño a sorte de ser deses privilexiados do teletraballo, así que estou aproveitando para arrombar a leña, facer desmonte para preparar unha horta e demais labores da casa que o ritmo de vida habitual non me permitía facer. Mais que unha loita contra o Coroavirus, téñoa contra o sedentarismo. Esa outra epidemia silente do mundo occidental.

É de confesar que antes disto xa vivía nun mundo no que non esperaba que Felipe 6 (así con número ordinario) me viñera fender a leña. Máis ben todo o contrario: dábame medo pensar en que puidera aparecer por aquí para roubarma. Polo que non me colleu por sorpresa a crise do papel de cu ou o bloqueo de máscaras sanitarias como práctica dos patrióticos empresarios.

E é de confesar tamén que fun dos que non creu nada sobre esta alarma sanitaria. Dos que non atenderon os medios de comunicación e dos que pensaron que estaba sobredimensionada a alerta sanitaria. E unha vez coñecida a dimensión real do tema, quixen reflexionar, que interferira no meu esquema de procesamento da información.

Por un lado atopeime cuns medios de comunicación faltos de credibilidade. Levamos un tempo sumidos en opinión persoais disfrazadas de xornalismo. Aos palmeiros de Ana Rosa Quintana e Ferreras se súmanselle miles de hooligans do telelixo. As canles públicas fan de altofalantes dos gobernos de quenda. Especial mención a nosa “Telegaita” (apelativo cariñoso), que leva un millón de venres negros ás súas costas.

Outro ingrediente para o descrédito son as nosas Institucións. Aquelas que falaron de pandemias cando foi da Gripe A, da porcina, e que converten as excepcións en regras. Titiriteiros que son terroristas, votantes que son terroristas, cantantes que son terroristas. De seguro que este virus novo non era máis que unha leve alerxia primaveral.

Unha vez confirmado a viralidade do bicho, comezaban a aflorar máis e máis debilidades do actual sistema.

Asistimos a unha crise socialdemócrata.

O mesmo Goberno que nos confinaba un domingo na casa enviábanos un luns a traballar en metro. Os negocios importantes eran os salóns de peiteado, e ninguén lle prestaba atención a todas esas coidadoras que non tiñan medios de prevención para ir atender os seus maiores. Normal que a actual “esquerda estatal” a acusaran de querer cargarse os nosos pensionistas.

Durante esta crise sanitaria estamos a ver o peor do empresariado. Esa imaxe de emprendedor bonachón, que xera riqueza e que nos sacará da crise, comeza a debuxarse de novo, coma se dun lenzo en branco se tratase. E o resultado deste exercicio artístico é máis similar a aquel pato de Disney, que nunca perdoaba unha moeda de ouro, que dun compañeiro que lle preocupa o benestar familiar, o colectivo, o común.

E entre todo este caos. E outras mil crises máis. Imos asistindo tamén a un millón de oportunidades para nós, como galegos e como clase traballadora.

Acabamos de comprobar a importancia que ten para un país a soberanía alimentaria. Debemos revalorizar o noso rural.

Temos a oportunidade de poñerlle fin ao turismo depredador (ou, se me descoidades, ao turismo en xeral). Deixemos de converter Galiza nun museo.

Evidéncianse cales son eses traballos que son precisos ante unha emerxencia. Identificalos, sindicalizalos e darlles o recoñecemento social que merecen está nas nosas mans.

Cobra máis forza que nunca a importancia dunha sanidade pública e universal. Socialicemos este rédito para conseguir que a especulación coa saúde remate xa.

Parece que se hai 2000 mil anos un tal Cristo marcaba o inicio dunha nova era para Occidente, hoxe o Coroavirus é quen marca o almanaque da esquerda tradicional. Tócanos traballar desde xa, que este ano 0 despois do Coroavirus non sexa o ano 0 das novas políticas neoliberais.

Comentarios