Opinión

Nación e esquerda

Esperabamos para os comicios do 12-X uns bos resultados do Bloque e augurabamos que pilotase un Goberno de coalición coas outras esquerdas a modo "frontepopulista". Non puido ser, mais, así e todo, unha parte de proporcións nunca antes rexistrada da esquerda electoral da nosa nación uniuse ao abeiro do BNG producíndose un momento de inflexión á par do acontecido en Euskadi con EH Bildu, que abre un interesante camiño para o nacionalismo de esquerda.

Son importantes estes dous conceptos. Se o nacionalismo non é de esquerda, nitidamente de esquerda, ese soberanismo non vale de moito. Hai que facer valer os esforzos de reunificación dos apoios que tan arreo traballou o conxunto do nacionalismo hexemónico e que calquera debería parabenizar e recoñecer a ese equipo todo o seu mérito pola exitosa recuperación que se produciu nun tempo relativamente breve, mais tendo o norte das políticas sempre dirixido por e para as clases populares. De aí a importancia e o enorme interese da aparición estratéxica da nova corrente, que tan boa incidencia electoral tivo, por certo, en localidades como Cangas de Morrazo ou Vigo. De moi pouco valería aquí un nacionalismo só para se converter nun viveiro de votos se despois non se traduce nunha abordaxe contundente dos problemas reais que teñen que enfrontar as persoas que verdadeiramente o están a pasar mal en todas as esferas da sociedade. Xa non sería a primeira vez que se dan situacións pintorescas, por non dicir dramáticas, nas que houbo implicacións sorprendentes se se analizan desde un punto de vista progresista. Expoño tan só dous exemplos significativos:

—Nos albores do século XXI, na fase final das protestas a prol do mantemento do caladoiro do banco canario-sahariano, mentres uns se manifestaban cos armadores e viñan dando máis e máis as costas aos verdadeiros prexudicados e ás súas familias, o colectivo de mariñeiros tivera que organizarse pola súa conta sendo quen de xerar unha nova ferramenta sindical que seguiría acompañando despois o movemento do proletariado galego; sindicato modesto, mais sen se servir de subvención ningunha e, sobre todo, de importancia vital ata hoxe en día con respecto á vindicación dos dereitos laborais e ao fomento dun persistente activismo social máis alá dos propios centros de traballo. 

—Construción (fallada) do Porto deportivo ilegal de Massó en Cangas, ano 2009. Caixanova, alcaldía e dirección do partido. Todos na allada. Non é necesario afondar máis. 

Con todo, a angueira deste pequeno texto é ben outra que facer unha recapitulación de situacións paradóxicas. Máis ben o que corresponde nestes momentos é facer unha 'tabula rasa', mirar cara á fronte e confiar en que, como sosteñen nos medios todas as caras visibles do nacionalismo, en Galicia a cuestión social e nacional van da man. Polo tanto o que cómpre é coller folgos para encetar esta nova etapa e continuar fornecendo o proxecto nacional popular cunha tarefa titánica por diante centrada en afianzar e sensibilizar no nacionalismo de esquerda todo ese electorado e incluso incrementar e agrandar as bases traballando incombustiblemente cara á vitoria que non é outra que o triunfo do poder popular galego. 

Comentarios