luns 25.05.2020

Historia dunha melodía

A Alborada que Rosalía publicara en 1863 nos seus Cantares desencadeou a comezos do século XX unha historia de pesquisas e rivalidades

Perfecto Feijóo e Casto Sampedro, dous grandes nomes vencellados á nosa música tradicional, facían súa a misión de obter a melodía orixinal sobre a que Rosalía compuxera os seus versos, unha alborada que interpretaba o gaiteiro Clemente Eiras.

Foron arduas tarefas as dúas. A da poeta, por ser a alborada en orixe un xénero musical instrumental, non cantado, como deixa indicado ela mesma ao pé do poema: “a mais grande dificultade qu’achey prá escribir esta alborada, foy ó meu deseyo de que sahise nún todo arregrada á música. Conseguin esto, pró foy á custa dá poesía; non podia ser d’outro modo, cando se dá c’un aire tan extraño e tan dificile de acomodarlle letra algunha”. Pola súa banda, Feijóo e Sampedro toparon impedimento na morte do intérprete orixinal —coa conseguinte necesidade de informarse a través de terceiros— e nunha aparente imposibilidade de se achegaren persoalmente á terra do gaiteiro (Lestrove) —“metodoloxía indirecta”, dirán algúns; “galbana”, pensarán outros—: residindo os dous en Pontevedra non pasaron de Caldas no seu afán investigador. En troques, estableceron un armazón de correspondentes a través dos que foron conseguindo versións da peza.

A historia comeza en 1912, cando os nosos investigadores transcribiron en Caldas a Alborada cantada por Alejandra Murguía de Castro

A historia comeza en 1912, cando os nosos investigadores transcribiron en Caldas a Alborada cantada por Alejandra Murguía de Castro (filla de Rosalía), portadora —segundo ela aseguraba— da versión que cantaba a súa nai. Días despois, Murguía de Castro interpretouna tamén para o violinista Isidro Puga, que lles remitiu a súa transcrición a Sampedro e Feijóo. Este último deu por boa a versión de Puga e comezou a tocala en público no 1913, pero o meticuloso Casto Sampedro non atopou satisfactorias nin a de Puga nin a súa propia, por non conteren toda a letra composta por Rosalía, e proseguiu a investigación contactando con distintas persoas da contorna de Padrón.

O 20 de marzo do 1920 o coro Agarimos da Terra publicou a versión de Puga, remitida por Feijóo, na revista Mondariz. Isto provocou a reacción de Sampedro, irado e doído no seu orgullo de investigador por publicar outro o que el non consideraba digno de facer público. Así, retomou as súas investigacións, paradas desde 1913, e escribiulle á revista en termos pouco amigables e cargando contra Feijóo, que se mantivo á marxe do asunto. Intentou Sampedro que lle publicasen as súas correccións da Alborada, pero non chegou a un acordo coa dirección da revista para este fin e, teimudo, escribiu el mesmo a algúns subscritores galegos da revista para remitírllelas persoalmente.

Casto Sampedro chegou a xuntar ata 17 versións da peza e puido ver en certa medida honrados os seus traballos o 19 de maio do 1920, cando o tenor Víctor Cervera Mercadillo interpretou en Pontevedra a versión máis completa das reconstituídas polo noso investigador.

A polémica que suscitou a peza contribuíu á súa popularidade. As múltiples interpretacións e reelaboracións das que foi obxecto conforman un ronsel que podemos seguir ata os nosos días e foméntanse na actualidade con eventos como a Alborada para Rosalía. Este proxecto tivo lugar en 2013, organizado pola Fundación Rosalía de Castro, a Real Academia Galega, a Universidade de Vigo e a Asociación de [email protected] [email protected] e repetiuse en 2019, desta volta coa FRC e a AGG á fronte. Coa Alborada para Rosalía homenaxeamos a nosa cantora coa implicación de moitísimos grupos musicais e músicos individuais que encheron as rúas e as redes de versións da Alborada —entre outras músicas—, fotos, vídeos e cancelos de #AlboradaRosalia.

Neste 2020 fanse 100 anos daquela primeira publicación impresa da música da Alborada na revista Mondariz. Esta foi a versión da que partiron moitas das interpretacións posteriores. No entanto, como sucede sempre que falamos de música de tradición oral, non existe unha “versión verdadeira” —que adoita confundirse coa canónica— da música da Alborada de Rosalía, senón moitas variantes, todas elas verdadeiras, dunha idea musical común.

comentarios