É obvio que o galego non é totalmente inmune aos cambios propios dunha lingua, pero cando falamos dunha rexión que está fóra de Galiza onde tamén se fala galego a situación aínda se volve máis precaria.
"Coa chegada da LOMCE á educación pública déixase o galego desprotexido, contradicindo o propio Estatuto de Castela e León"
Falo da rexión do Bierzo, no noroeste de Castela e León, lugar onde o galego forma parte da súa cultura e onde, desde hai algo máis dunha década, está presente no ámbito educativo grazas ao convenio de colaboración entre a Junta de Castela e León e a Xunta de Galicia para fomentar a lingua galega dentro da educación primaria e secundaria deste territorio galegofalante.
Este convenio entre as dúas rexións parecía que volvía recuperar o galego, pero foi un espellismo. Coa chegada da LOMCE á educación pública déixase o galego desprotexido, contradicindo o propio Estatuto de Castela e León que, no seu artigo número 5, di: “Gozarán de respecto e protección a lingua galega e as modalidades lingüísticas nos lugares en que habitualmente se utilicen”.
Para chegar á situación actual vou describir como foi o meu paso por este programa. Cando ía entrar no instituto, descubrín que o programa de promoción da lingua galega no Bierzo tiña continuidade na ESO. Ante a miña sorpresa o que me atopei na súa presentación ante o equipo directivo foi un intento de evitar que collésemos a opción “Ciencias sociais en galego”. Poñían argumentos que para min soaban ridículos como que o galego só serve para Galiza, esquecendo que a través do galego temos acceso a 200 millóns de falantes de portugués, pero que fixeron que de 30 alumnas e alumnos que estabamos no programa en educación primaria tan só dous elixísemos cursar Ciencias Sociais en lingua galega.
"Poñían argumentos que para min soaban ridículos como que o galego só serve para Galiza, esquecendo que a través do galego temos acceso a 200 millóns de falantes de portugués",
Nos dous anos seguintes seguimos sendo dous os “pioneiros”, cunha continuación da campaña de disuasión, difamatoria da nosa lingua, que conseguiu o seu obxectivo. Cando eu xa estaba en 2º da ESO, os novos alumnos de 1º sentiron temor e esta opción acabou quedando sen alumnos.
Na miña promoción a cousa recaeu en 3º da ESO cando xa só era eu o que cursaba CCSS en galego coa miña profesora actual, apoiando a lingua galega dunha maneira digna, tan digna como todos os profesores de galego que se aventuraron a dar clase alí.
O clímax da situación chega este ano, cando a Junta considera o galego como unha materia de “Libre configuración autonómica”, unha denominación que quere enmascarar una clara intención de nos facer perder o programa de galego. Este ano somos tres os que cursamos CCSS en galego e uns 15 os que escollemos Lingua e Cultura Galega. Pero agora esta última materia deberá saír do horario lectivo, o que implica vir unha hora antes que o resto de alumnos que non escolleron galego en Bacharelato. As clases empezan ás 8:40, pero eu en 1º de Bachelerato terei que vir tres días á semana ás 8:45 da mañá e en 2º catro veces por semana a esa hora. É unha total discriminación contra o alumnado que escolle Lingua e cultura galega e ao mesmo tempo contra o Bierzo.
"E a Xunta de Galicia vai facer algo ou dicir que todo vai ben mentres o galego queda ferido? Se non loitamos, non hai galego forte, así de sinxelo".
O que provoca este cambio é obvio, aos alumnos que veñan de vilas máis pequenas ou aldeas en autocar (o alumnado de Bachelerato xa non ten o dereito a vir nel) seralles imposible vir a esa hora, pois se teñen que recorrer ao transporte escolar será porque seus pais non os poden traer ou ben viven demasiado lonxe. A conclusión final é un descenso do número de alumnado que curse galego no Bachelerato.
Todas estas medidas, que se toman con case 800 alumnos que estudan galego aquí no Bierzo e Sanabria e con 47 profesores que están dentro do Programa de Promoción da lingua galega no Bierzo, fan que nos indignemos totalmente ante esta situación. Iso é o que queremos nós para o galego? E a Xunta de Galicia vai facer algo ou dicir que todo vai ben mentres o galego queda ferido? Se non loitamos, non hai galego forte, así de sinxelo.