Opinión

Logopedia e cancro

O termo cancro de cabeza e pescozo comprende tumores en diferentes partes das estruturas orofaciais (beizos, cavidade oral, larinxe, farinxe, fosas nasais etc.). É o sétimo en incidencia a nivel mundial e quinto a nivel do Estado español e a pesar dos avances en investigación, a mortalidade está ao redor de 50% (Fonte: Asociación Española Contra o Cancro). As causas ou factores de risco para este tipo de tumores pasan polo abuso do alcohol e o tabaco, así como outros factores secundarios como son infeccións mal xestionadas, mala hixiene oral etc.

As persoas con cancro de cabeza e pescozo poden presentar diferentes síntomas en función da zona afectada. Así poderán presentar dor na gorxa durante a emisión vocal, disfonía ou afonía (alteración ou ausencia de voz), dificultade para tragar, presenza de úlceras a nivel de cavidade oral, obstrución ou sangrados nasais, dificultade na mobilidade lingua... Debido a esta sintomatoloxía, vense afectadas diferentes funcións estomatognáticas (mastigación, deglutición, fonoarticulación, voz ou respiración) e as capacidades do gusto e o olfacto. É esta a razón pola que o labor da logopeda será esencial para pacientes con este tipo de cancro. 

A logopeda debería comezar a traballar con estes pacientes dende o diagnóstico, tanto para explicarlles os posibles cambios que poden experimentar tralo tratamento (sexa por cirurxía, quimio ou radio) como para mostrarlles os recursos para o tratamento, as limitacións e os resultados do mesmo. Normalmente a logopeda comeza o traballo coa persoa con cancro unha vez ten feito o tratamento (tanto cirúrxico como de radioterapia e/ou quimioterapia) polo que traballará con modificacións na musculatura e/ou nas estruturas. Se se tivo que extirpar algunha estrutura, é probable que haxa que modificar o mecanismo de realización dalgunha das funcións estomatognáticas e se a afectada foi a musculatura, deberase modificar a súa acción para a realización das funcións.

É o caso do cancro de larinxe, cando teñen que extirpala totalmente, fai que a persoa quede sen cordas vocais, e non poida falar normalmente. A logopeda traballará para que a persoa poida volver falar pero usando o aire do esófago para fonar, a chamada voz erigmofónica. Outro caso de modificación dos mecanismos de realización de funcións sería a extirpación parcial da lingual ou doutras estruturas implicadas na mastigación, deglutición ou articulación da fala como podería ser a mandíbula, o padal ou farinxe. A logopeda deberá reforzar a acción muscular da estrutura modificada e pode necesitar de modificacións na dieta ou na postura en que a persoa se vaia alimentar.

Os tratamentos de quimio e radio, modifican menos as estruturas pero tamén provocarán alteracións nas mesmas, pola súa agresividade tanto con células cancerosas como sas. Poderán modificar a capacidade muscular para realizar as funcións, e nalgúns casos afectarán como se refería ao principio, a olfacto e gusto. Nestes casos a logopeda traballará sobre a musculatura para mellorar todos os parámetros do movemento e que condicione o menos posible calquera das funcións implicadas e fará un adestramento para que as rutas sensoriais a nivel cerebral se reactiven e a persoa recupere parcial ou totalmente eses sentidos perdidos. 

Este campo de actuación da logopedia non é moi coñecido nin moi estendido pero si é verdade que está en expansión e cada vez as logopedas estamos máis presentes na Asociación Española Contra o Cancro (AECC). A nivel de Galicia, hai representación da miña profesión en case todas as delegacións da asociación para asesorar as familias e tratar os pacientes que o precisen. 

Non obstante, o mellor nestes casos é a prevención e tamén é labor da logopedia incidir nos mecanismos de prevención. A mellor maneira de previr a aparición deste tipo de tumores pasa por reducir os factores externos, que si podemos controlalos con respecto aos xenéticos ou internos que non podemos previr. Evitar hábitos como o tabaco e moderando ou reducindo o consumo de alcohol son pequenas accións que poden reducir a prevalencia deste tipo de tumores. 

Comentarios