luns 25/10/21

Somos potencia, tamén deportiva

Chauvinismo é doenza muito invasiva e destrutora que renace nos últimos tempos de forma indisimulada. Nunca nós o practicamos. A ninguén obrigamos seren para sermos, apesar de sufrirmos as súas imposicións arrogantes e ameazantes, sen nen sequer direito a réplica ou debate, para nos privaren da nosa plenitude. 

Porén, mal pode ser cura profundar na submisión paralizante por medio da resignación e danzar como monifates ao ritmo do seu son desafiante, do seu esconxuro que visa nos transformar nunha caricatura dos seus desvaríos. As nosas forzas en fraquezas e as nosas oportunidades en ameazas. Nas súas ameazas. Seique no termo medio está a virtude. Mais, se callar, está nos matices, nos medios tons, nas mesturas. O que for. O que nos cumpre é, frente ao chauvinismo que inocula resignación, afirmación. Orgullo frente ás súas fobias. Asunción dos nosos problemas, mais tamén dos nosos poderes.

Porque somos potencia. Vímolo estes días no campo deportivo, na figura dos e das nosas heroínas olímpicas, 6 medallas e 9 diplomas, fachendosas da súa fazaña e da súa orixe, a recoñeceren que os seus éxitos son tamén de todas e todos nós, do seu país, ou a se fotografaren envolvidos na nosa bandeira. 6+9 para un país que algúns din pequeno aínda que, polos vistos, non cualitativamente.  A mostrar o noso poderío, con humildade mais tamén co orgullo das nosas proezas. Sen llo arrebolar a ninguén, embora tivésemos motivos para o facer, se nos compararmos, por exemplo, cos nosos viciños, a leste e a sul, e con outras moitas nacións do mundo. 

Poderío olímpico, que se repete amiúde noutras competicións, mesmo paralelas no tempo. Como o do noso Alex –"Marque foi rei na Torre"– a se facer coa camisola marela da Volta a Portugal, alá na cima da Serra da Estrela, "dono do sorriso mais conhecido e expressivo do pelotão". Coas vistas postas no podio final de Viseu, como  xa conseguira en 2013 no país irmao, ou en 2018 na China. E apoiado por outro compatriota, Gustavo César Veloso quen, tras unha queda, abdicou do soño que xa realizara en 2014 e 2015, e a se entregar agora á vitoria do estradense. No entanto, ningún deles abdica da súa lingua, outra das nosas fortalezas e oportunidades e, sen seren lexendados nen dobrados nos medios audiovisuais lusos, fan do noso idioma unha ferramenta de comunicación total, tamén no ámbito internacional. Unha potencia. Nestes e en tantos outros ámbitos, materiais e inmateriais.

comentarios