Opinión

San Martiños

Por volta do fin de semana, como todos os anos, nos territorios da antiga Gallaecia celebrámos o magosto ou magusto, en terreiros e prazas, arredor dos asados de castañas, o viño novo e as matanzas. Unha celebración cíclica, de orixe pagá, vinculada ao culto aos mortos e, como tal, ligada aos rituais de outono e ao Samaín, cristianizados depois entorno ao día de todos os santos e ao aniversario da morte dun deles, San Martiño de Tours, no ano 316.

Un santo muito popular da cristandade, que desertou do exército romano e, segundo a tradición, destacou pola súa defesa e protección das persoas máis humildes. Sen dúbida, no noso país deixou unha fonda pegada, que algúns relacionan coa clemencia que pediu para Prisciliano, embora a súa fose tamén unha actitude crítica do heresiarca e os seus seguidores. Dan boa conta da súa popularidade as 215 parroquias galegas baixo a súa advocación, santo padroeiro de vilas e cidades, unha delas Ourense, cuxa catedral, a da época sueva e a actual, está consagrada desde os seus primordios ao que fora bispo de Tours.

Hai, porén, outro San Martiño, de grande renome e importancia na historia do noso país e mesmo da nosa lingua, con moitas ligazóns co anterior -a pesar de viver máis de douscentos anos depois-, a comezar pola súa procedencia: a provincia romana da Pannonia, que se corresponde coa actual Hungría e parte dos Balcáns. Falamos do San Martiño de Dume (Braga), declarado seguidor do de Tours, e que foi figura central, mesmo considerado apóstolo, do primeiro reino cristán de Europa, o galego, fundado polos suevos (411-583), que chegou a estender os seus dominios por toda a faixa occidental da Península Ibérica. O bispado que el fundara tivo que trasladarse 300 anos depois á focense parroquia que leva o seu nome, á considerada catedral máis antiga do Estado español, a basílica de San Martiño de Mondoñedo, durante o reino medieval da Galiza.

O dumiense, ademais de propiciar a definitiva conversión dos suevos ao catolicismo, criar a diocese de Dume, ter escrito varios tratados e ser o promotor da mudanza de nome dos nomes latinos pagáns dos días da semana na nosa lingua (único en toda as linguas europeas) deixou testemuña escrita de cal era o nome da entidade política xa naquela altura: “…impelido por sinais divinos para o seio da Galiza”. 1.500 anos de historia, como testemuñan outras fontes escritas, e aquí continuamos. O demais son mitos intereseiros.

Comentarios