Opinión

Maus tempos para a lírica

Os altifalantes do sistema encárganse de badalear día após día a censura, silenciamento e mesmo prisón de artistas de todo xénero e condición naqueles países que máis os incomodan ou poñen en cuestión. Todo un clásico. Non imos negar aquí que existan esas prácticas de mordaza e que sexan abertamente condenábeis, veñan de onde viñeren. Mais aí está a chave da cuestión. Non é viñeren verbo que o sistema conxuga, mais conviren. As doutras procedencias, que non destacan pola exemplaridade democrática, o respeito polos direitos humanos e, desde logo, polo direito á liberdade de expresión, siléncianse ou minimízanse. Porén, o que é colmo dos despropósitos é baduar dos demais as prácticas que eles propios practican.

Vaiamos ás cifras. Segundo Free Muse -organización independente non governamental que visa a liberdade de expresión artística e a diversidade cultural, e ten status de entidade consultiva das Nacións Unidas e da UNESCO- en 2020 26% de todas as restricións documentadas de liberdade artística aconteceron en Europa, 22% no continente americano, 19% no Oriente Próximo e no Norte de África, 15% en Asia e o Pacífico, 9% en África e outro 9% através da Internet. 74% de todos os encarceramentos documentados de artistas tiñan a ver coas críticas ás políticas e prácticas governamentais, 44% das cales ocorreron no Oriente Próximo e Norte de África. No total, 71% da detención de artistas debéronse a motivos políticos. Debe ser que os ritmos caribeños, impelidos pola corrente do Golfo, chegan con máis velocidade e claridade que os ventos do deserto. E que o eurocentrismo soberbio, español incluído, ficou xordo, mudo e cego.

A amentada ONG observa unha crecente tendencia dos estados que exercen a censura artística a xustificaren as súas prácticas como medidas antiterroristas. Nese requintado grupo, inclúen 43 accións represivas en todo o Planeta, nun exclusivo clube de que fan parte Bangladesh, Exipto, Xordania, Arabia Saudita, Serbia, Turquía, os USA e... o Estado español, que, xunto coa Turquía, representou 75% de todos os casos documentados, e foron os dous únicos países que levaron á cadea os artistas. A razón? Inxurias ao xefe de estado. Quer dicer, Erdogan e o monarca español. Iso si, cando por estas e outras prácticas antidemocráticas sai ao debate a deficiente calidade democrática do sistema xudicial español e as súas concomitancias co país otomano, o grito chega até ao céu.

Comentarios