Opinión

Crime contra a humanidade

Non é un conflito, non. É o verdadeiro masacre dun pobo. Varrelo, literalmente, do mapa. Abonda con ver as infografías que nestes últimos días nos voltaron a lembrar como, da noite para a mañá, a criación dun estado artificial foi engulindo e desprazando a todo un pobo dos seu proprios territorios. É apartheid, e son crimes de lesa humanidade. E non é unha proclama. É chamarlle as cousas polo seu nome. Como así o fan tanto a Human Rights Watch (HRW) como a B’tselem, o Centro de Información Israeliana para os Direitos Humanos nos Territorios Ocupados.

Tamén non é guerra, é limpeza étnica. Nen sequer fixo falta esperar a ver as arrepiantes imaxes de bombardamentos e asasinatos de civís, moitas delas crianzas inocentes, para a HRW emitir a finais do mes pasado o informe “Un limite ultrapasado: as autoridades israelitas e os crimes de apartheid e persecución” para chegar a tais conclusións. Nel arguméntase que o primeiro deles, orixinariamente empregado en relación á Africa do Sul, é xa un termo xurídico universal e que a proibición de formas especialmente graves de discriminación institucional e opresión, como é o caso, constitúe un principio fundamental do direito internacional. A intención de manter a dominación dun grupo racial sobre outro, o contexto de opresión sistemática do grupo dominante sobre o outro e os actos inhumanos son pois, segundo a Convención Internacional sobre a Represión e Castigo do Crime de Apartheid de 1973 e o Estatuto de Roma de 1998 do Tribunal Penal Internacional (TPI), un crime contra a humanidade.

Para alén do masacre, discriminación e exclusión institucional, represión nos territorios ocupados, imposición dun réxime militar draconiano, segregación, violación graves dos direitos fundamentais, restricións de movimento e bloqueo, confiscación de terras, deslocamento forzado, negación do direito de residencia, suspensión dos direitos civís básicos, demolición de casas, conxelamento efectivo dos rexistros de poboación para impediren a reunificación das familias, torturas, direitos e privilexios para os xudeus onde quer que vivan e discriminación dos palestinos estexan onde estiveren, lexislación favorecedora para os colonos israelitas que non se aplica aos palestinos, expansión masiva de asentamentos e infraestruturas... Para eles, nin bloqueos nin sancións, xa non digamos procesamento por crimes contra a humanidade. Apenas un conflito causado por terroristas.

Comentarios