Opinión

A golpe de Borbóns

De que a monarquía é unha antítese da democracia hai pouca dúbida. En pleno século XXI é inconcebíbel que a cidadanía non poida escoller a Xefatura dun Estado. No caso español, reis e raíñas foron expulsos en varias ocasións polo seu carácter corrupto e golpista, e tras tentativas dunha democratización real ou da configuración dun Estado verdadeiramente (con)federal. A oligarquía española, a base de golpes de Estado ou transvestida en democracia, sempre protexeu a Institución, até o mesmo día de hoxe, coa axuda e apoio da maior parte dos partidos. Só as forzas soberanistas lle fixeron e fan frente.

Cando o ditador deixou “todo atado e ben atado” segurouse de que o dominio oligárquico continuase através de Juan Carlos I. Tras a morte do “caudillo” a ditadura preparouse para se reconverter formalmente á democracia e o primeiro que fixo foi blindar a figura do sucesor e facelo inviolábel. Impunidade total. Mentres, o monarca sería o garante da “una, grande e libre” en versión tuneada. E, de paso, podería facer das súas. En troques, a oligarquía española podía manter a súa dominación e os seus privilexios a conta de, entre outros, o noso país. Exército e poder xudicial “reconvertidos” encarregaríanse de o garantir, e de silenciar, censurar e encarcerar a quen ousase deixar o rei nu.

Foi unha galega, Rebeca Quintáns, quen publicou en 2000 a primeira biografía abertamente crítica coa figura do monarca, Un rey golpe a golpe, onde xa falou dos seus escuros negocios inmobiliarios, tráfico de armas, petróleo e especulación financeira, ben como o seu papel no 23-F. Nun novo libro publicado en 2016, a xornalista actualizou o seu relato cos novos escándalos e a súa continuidade co actual monarca español. No volume, a escritora lembra a censura que sufriu a súa primeira aproximación, publicada nas editoras das revistas vascas Ardi Beltza e Kalegorria, dirixidas polo tamén xornalista galego Pepe Rei, detido en diversas ocasións, e que foron pechadas por orde xudicial, como tamén o fora o seu antecesor, o Egin.

Hoxe, o establisment español, consciente de que xa non é capaz de facer ocultar por máis tempo o “real escándalo” tras as informacións desveladas pola imprensa internacional, tenta protexer o herdeiro do herdeiro quen, coñecendo os presuntos delitos do seu proxenitor, calou como un peto mentres abandeiraba o golpe á democracia popular na Cataluña. Na mellor das súas tradicións familiares.

Comentarios