Opinión

Frato

Non foi o que se di un bon alumno na escola primaria. Ironicamente, iso converteuno en mestre. Hoxe, Francesco Tonucci, referente na pedagoxía, critica xustamente esa escola que só admite unha maneira de conducirse, un xeito de ser “boa” crianza. Na diversidade está a riqueza e o estímulo para compartir coñecementos e experiencias, as experiencias que a crianza trae do seu encontro co exterior a través do xogo libre. É curioso como durante o confinamento moitas familias entraron en pánico pensando no moito que as súas fillas habían deixar de aprender durante o confinamento. Como explicaba Tonucci desde a súa morada romana, a corentena debía entenderse como unha oportunidade para aprender moitas cousas importantes na compaña das familias. É posíbel, por exemplo, introducir a leitoescritura ou as matemáticas nas tarefas cotiás, ao tempo que se fomenta a corresponsabilidade nos coidados. O confinamento podía aproveitarse para estreitar os vínculos e favorecer unha maior comunicación e afectividade dentro dos fogares. Nestes meses sen clases tivemos ocasión de repensar os xeitos de educar as nosas fillas e proxectar a escola que queremos para elas. Eu gostaría dunha escola sen muros altos, aberta á comunidade, onde as nenas e nenos poidan explorar e coñecer, da man das veciñas, a súa contorna. Unha escola na que os distintos ritmos non sexan un problema, senón unha oportunidade para fomentar a cooperación e fuxir do afán produtivista imperante.

Tonucci, que se transforma en Frato para deseñar o mundo cos ollos das crianzas, atopou en Pontevedra unha cidade amiga das nenas e dos nenos. Unha cidade pensada polas crianzas, defende, será sempre unha cidade amábel coas persoas máis vulnerábeis. Agora Frato volve mirar á Galiza, pois descubriu unha escola que se corresponde co modelo que el defende. Unha escola para as crianzas, e non ao revés. Esa escola é a Semente, que co alento que lle envía Tonucci desde Italia colle folgos para seguir a crecer. Que non lle falle o impulso que precisa da sociedade galega. 

Comentarios