Opinión

Sobre a transición enerxética en Europa (unha visión particular)

Autoría do Colectivo de debate enerxético formado por Manolo Cabarcos, Quico da Silva e Fernando Branco

Quen dirixe a UE coñece perfectamente que a aportación de Europa ás emisións mundiais de gases de efecto invernadoiro (GEI) vén sendo dun 8%, e, polo tanto, tamén sabe moi ben as limitacións que ten para atenuar o quecemento global e os efectos nocivos do cambio climático planetario, sobre todo se o resto dos Estados, nomeadamente China, EEUU e India (responsables do 50%), non reducen as súas emisións proporcionalmente ao que veñen emitindo na actualidade, xa que, segundo o informe sobre a fenda nas emisións de CO2 da ONU, o incremento de GEI dende o ano 2010 até 2020 foi do 1,3%, por termo medio.

En canto a súa capacidade tecnolóxica no desenvolvemento de enxeños de xeración de enerxía renovable, a UE está entre os lideres mundiais no sector eólico; mais no solar e no do almacenamento enerxético, a día de hoxe, o 75% dos paneis fotovoltaicos que se instalan no mundo son de orixe chinés, Estado que tamén lidera a produción de polisilicio, ademais de controlar case o 80% das materias primas necesarias para a fabricación, coa tecnoloxía actual, das baterías de almacenamento masivo.

Tamén son conscientes, dende a gobernanza da UE, que no futuro non haberá unha tecnoloxía de xeración de enerxía renovable que predomine sobre as outras, como ata agora sucede coas fontes de enerxía de orixe fósil, senón que en cada lugar  instalaranse aquelas que resulten as máis axeitadas e rendibles. A UE, aínda que fixa os obxectivos mínimos, non impón a cada Estado como e que tecnoloxía ou tecnoloxías utilizar, cuestión á que Galiza, polo seu potencial enerxético, debería estar a prestar especial atención e dedicación.   

Pois ben, con todo ese coñecemento, a UE asume o maior compromiso das áreas económicas de ámbito mundial na redución das súas emisións de GEI antropoxénicas, e adxudícase o papel de líder, tamén mundial, na mitigación dos efectos provocados polo cambio climático, evidenciado nos seus obxectivos chave para o período 2020-2030:

Redución vinculante mínima do 55% das súas emisións de GEI a respecto de 1990;
32% vinculante de participación mínima para as renovables no consumo total de enerxía da UE; e Mellora como mínimo indicativo do 32,5%  da eficiencia enerxética.

Ademais, no proceso de conseguir cero neto de emisións en 2050, a UE investirá billóns de euros e intentará ter o liderado mundial no desenvolvemento das tecnoloxías necesarias. Aínda que chama a atención a ausencia do aforro e da racionalización do consumo enerxético como obxectivo chave, de forma explícita, non deixan de ser uns obxectivos ambiciosos, de maior relevancia ao considerar o incumprimento temporal do 42% dos Estados, entre eles China e India, na presentación dos seus obxectivos de redución do CO2.

Porén, tamén é evidente que quen goberna na UE ten unha outra preocupación igual ou maior que a do cambio climático: a súa dependencia enerxética dun 58%; e non tanto pola súa factura duns 1.000 millóns de euros ao día, dependendo do prezo do petróleo en cada momento, senón pola garantía e seguridade no abastecemento dos produtos enerxéticos. Unha economía como a europea non pode permitirse tal grao de dependencia e incerteza enerxética, e menos nun escenario de crise de materias primas e guerras comerciais, que se prevé cíclico no futuro. Tanto é o abafo que isto produce que a Comisión vén de propoñer incluír a nuclear e o gas natural na “Taxonomía Verde Europea” -regulación de importantes efectos e pouca atención- como enerxías sostibles, orientando o investimento financeiro, público e/ou privado.

Pero todos os esforzos que nos demandan e os que nos esixirán no futuro máis próximo, non poucos e que aumentan as desigualdades sociais e territoriais, non dirán que son para reducir a dependencia enerxética da UE, senón que son para salvar ao Planeta dos efectos do cambio climático, emocionalmente máis sedutor e máis presentable eticamente.

Comentarios