Opinión

Taxonomía "verde" europea

As empresas e as administracións públicas fináncianse endebedándose mediante préstamos e emisión de débeda e/ou ampliando capital mediante a emisión de accións, con China como principal prestamista mundial. Os plans da descarbonización enerxética están sustentados por este tipo de instrumentos para alcanzar os investimentos planificados, como exemplo o Proxecto Estratéxico para a Recuperación e a Transformación Económica de Enerxías Renovábeis, Hidroxeno Renovábel e Almacenamento (PERTE ERHA), que pretende mobilizar máis de 16.000 M€ cun investimento público de case 7.000 M€.

En tal contexto sitúase á política europea da "taxonomía" ou marco para facilitar os investimentos sostíbeis cara á substitución dos combustíbeis fósiles nas actividades económicas (descarbonizar a economía). Pretende orientar o financiamento, sexa público ou privado, cara ás actividades compatíbeis co Pacto Verde mediante unha clasificación a respecto de seis obxectivos medioambientais xunto cos ámbitos social e do bo goberno corporativo pendentes de desenvolver.

Isto non vai de salvar o Planeta, vai de asegurar os investimentos e o seu retorno

Na actualidade están clasificadas máis de 90 actividades, de produción e de servizos, de todos os sectores. Por exemplo, na fabricación de aluminio fíxanse tres criterios técnicos, debendo cumprir dous antes de 2025 para recibir financiamento: as emisións non deben superar 1,484 tCO2 por tonelada fabricada, a intensidade media de carbono das emisións indirectas producidas pola xeración de electricidade non poden superar 100 gCO2e/kWh (obriga ás renovábeis, propias ou mediante PPAs) e o consumo de electricidade ten que ser inferior aos 15,5 MWh por tonelada. Agardemos que Alcoa, se volve arrancar, estea dentro desta clasificación.

Na clasificación actual referida á enerxía eléctrica e térmica, sinala 25 actividades, con tecnoloxías renovábeis, sen combustíbeis fósiles sólidos e minimizando a incineración de residuos. A listaxe vén de ter unha proposta polémica de ampliación para incluír a nuclear e o gas natural, coa dobre linguaxe verde comunitaria que oculta os verdadeiros obxectivos.

Pretender centrar o debate da proposta na consideración das dúas tecnoloxías como verdes, sostíbeis, seguras e limpas é, ademais de falso e estéril por evidente, desviar a atención. As dúas actividades cualifícanse de transición, é dicir "actividade económica para a que non existe unha alternativa nin tecnolóxica nin economicamente viábel de baixas emisións de carbono" e que contribúe á "transición cara a unha economía climaticamente neutra"; polo tanto, a proposta recoñece a inviabilidade de substituír a xeración xestionábel e flexíbel de electricidade pola intermitente sen un desenvolvemento axeitado do almacenamento e, ao mesmo tempo, electrificar a economía en menos de 30 anos.

Todos os activos industriais que non cumpran os criterios da taxonomía terán a consideración de tóxicos financeiros

Mais a proposta tamén evidencia a dependencia principalmente económica do conxunto da UE, non só enerxética, cun sistema financeiro, incluíndo a parte pública, que dita cales son as actividades sostíbeis. Novamente isto non vai de salvar o Planeta, vai de asegurar os investimentos e o seu retorno.

A taxonomía, en xeral, tamén abre interrogantes: que pasaría de aplicarse no ámbito público (programas da UE, axudas e subvencións, licitacións)? E de facelo nas débedas soberanas dos estados? Fará subir o prezo do CO2 como demanda o Tribunal de Contas Europeo nun informe de 2021 "para aumentar o atractivo das finanzas sostíbeis"?

As implicacións da taxonomía son importantes: todos os activos industriais que non cumpran os seus criterios terán a consideración de "tóxicos financeiros", polo que se desmantelarán cun custo de miles de millóns de euros e, sobre de todo, de miles de empregos; porén tamén posibilitará o acceso a millóns de euros en axudas e créditos públicos dos fondos europeos... para quen xa se preparara e teña feito os seus deberes (sostíbeis, claro). 

Comentarios