Opinión

Xéneros

Rocío falou. Fíxoo coa serenidade que pode ter unha muller que sufriu, durante anos, un maltrato físico e psicolóxico por parte do pai das súas crianzas, peóns necesarios para que el a convertese nunha vítima de violencia de xénero de manual. Si, a ela, á filla da Máis Grande, á rebelde sen causa, porque o prototipo non existe. Rocío falou, pero o problema para moita xente é que o fixo no espectáculo de La fábrica de la tele. 

Ás que estudamos xornalismo resóanos a voz de quen nos aprendeu que a información e o entretemento non se deben mesturar, e esa adoración polo formato informativo logrou callar como arquetipo nas nosas mentes de estudantes. Ata que, xa con Obama, comezamos a ver seguimentos electorais por televisión como acontecementos de non durmir. Un candidato á presidencia do Goberno (hoxe presidente) entrando en directo en Sálvame. Ou, en pleno confinamento, o Merlos gate. Alén da teoría dos xéneros xornalísticos, a práctica demostra que si, hai mestura. Hai moita política en Carlota Corredera e moito show en Antonio G. Ferreras. O máis importante é respectar o fin fundamental de servizo público. A mágoa é que, de momento, e por desgraza, pouco se cumpre.

Se a información é un dereito –máis aínda sabendo que hai persoas que só consomen espectáculo–, hai que trasladala á audiencia do reality. Podemos separar o entretemento da información, mais non ao revés. Falta blindar a deontoloxía. Desde o domingo, nos grupos de What’sApp fálase de violencia psicolóxica e de que malos tratos non é só que o teu marido te pegue. Punto para Corredera.

Comentarios