Opinión

Vémonos no terreiro

Debaixo da miña ventá, un grupo de xente nova mantenme esperta ata preto das 5 da mañá. Son as mesmas que uns minutos antes bailaban no pub de abaixo a ritmo de C. Tangana, Bad Bunny ou Karol G. O rebumbio, en cambio, non emite a ritmo de reguetón. "Ailaralalá, ailaralalá". Torpes pasos de muiñeira impregnados de subidón etílico. Foliada improvisada coa L invisible pendurada dunhas roupaxes imaxinarias. Euforia trad nunha rúa de asfalto en pleno centro de Vigo. Foime imposible abrir a xanela e chamarlles a atención. Gañaran as Tanxugueiras.

Unhas poucas horas antes, o público do Benidorm Fest fixéraas vencedoras coas súas chamadas e mensaxes de texto, e tamén as 350 persoas que integraban o xurado demoscópico. Gañaron, malia que o soño eurovisivo rematou co golpe de temón máis inesperado dun xurado profesional que vela polos intereses desa industria que pouco ou nada ten que ver coa música. Gañaron porque puxeron a España enteira, representada nas que alternan de xoves a sábado no meu portal, a cantar alalás. Tanto ten Benidorm. Tanto ten Eurovisión. A música, malia todo, existe. A música está aí para quen teña ouvidos para escoitala. Olaia, Aida e Sabela gañárano todo semanas antes pola mensaxe que lograron instalar nos bucles de reprodución de todo o Estado con Terra: non hai fronteiras para as linguas; non hai culturas que non enchoupen, que non emocionen, que non transmitan; non hai músicas que non logren varrer co establecido nos seus propios fociños. A música é do que se trata, a pesar de todo o que tantas veces a envolve e a obstrúe. 

"A partir de agora, o que hai que facer é consumir a nosa música, vir aos nosos concertos", animaba Aida Tarrío a través dun vídeo difundido polas Tanxugueiras nas redes sociais un día despois da final do Benidorm Fest. Un vídeo no que, ademais dos agradecementos, non deixaron polo camiño o compañeirismo e a sororidade con Chanel, a artista escollida. Nin fronteiras nin rivalidades ficticias, amasadas e enfornadas en caixiñas de hostilidade medida en caracteres. Os concertos, o sustento de tantas e tantos profesionais que loitan cada día polo dereito a vivir do seu oficio, son a forma máis inmediata de facer xustiza. Ir aos concertos é vencer ao Goliath da industria, a precariedade e as fronteiras mentais. Apoiemos as nosas músicas. Vémonos no terreiro zapateado das salas de concertos.

Comentarios