Opinión

Rachar o encaixe

O acontecido no colexio maior madrileño Elías Ahuja lembroume que a miña conciencia feminista comezou a activarse o día que me subiron a unha mesa de ping pong dun parque en Barcelona. Non tiña un megáfono, non sostiña unha pancarta nin levaba un símbolo morado na cara. O que había para min enriba daquela mesa era un plátano cuberto de nata estratexicamente colocado na zona xenital dun compañeiro da residencia universitaria. Ambos eramos novatos, mais eu estaba claramente en inferioridade de condicións. Ao noso redor, os veteranos do colexio maior encirraban a acción humillante que sabían que estaba a piques de suceder se non queriamos pasar "o peor ano das nosas vidas". Todo semellaba compensar a vergonza, a vexación pública, as fotos que nos facían. Concentreime naquel plátano con esmero, co grande obxectivo iluminado en letras grandes na miña cabeza: tiña que encaixar.

Durante moito tempo tiven o convencemento de que escoller "dulce_dulcinea" como correo electrónico fora unha malísima idea. O meu gusto pola literatura acabara por converterme na vítima dun escarnio de connotación sexual con 17 anos. A ollos daqueles mozos, Dulcinea non era o amor platónico do Quixote. Dulcinea, personaxe de ficción ou musa coñecida de Cervantes, era unha puta, e eu a súa devanceira na caste rameira. Co tempo decateime de que a culpa fora un castigo xerado por min e para min; de que se o meu e-mail tivese sido outro, outra tería ocupado o meu lugar aquel día, pero eu sería vítima de distintos ataques ao longo do curso.

Eramos putas, "guarras", "zorras", "ninfómanas", "chupapollas", como berraban os do Elías Ahuja. De rebelarnos, pasabamos a ser fríxidas, monxas, "mojigatas". Cada festa daquel colexio maior mixto era un recital de cánticos que nos lembraban o noso lugar. Nós contestabamos, naturalmente, quitabámoslle importancia e viviámolo con diversión, exactamente igual que as estudantes do Santa Mónica. O tempo avanzou nun ambiente festivo no que todo semellaba un xogo en igualdade, pero o certo é que nós sempre tiñamos que ser discretas coas nosas incursións afectivas ou sexuais. Sabiamos que eramos colegas de día e putas de noite: encaixar era aceptar o alcume en público e non exercelo en privado. O dedo acusador desviouse estes días da berrea de mozos do Ahuja ás mozas do Santa Mónica, por defendelos. Eu digo que o mellor exercicio é axudalas a rachar o encaixe.

Comentarios