Opinión

Psicose é unha peli de Hitchcock

Coñezo ben a psicose que xera o medo a que te piquen. A miña comezou nos noventa con aquelas campañas contra a drogadicción e a sida. Os anuncios de televisión, o pé descalzo na pantalla a piques de pisar un montículo de cristais, as pelis quinquis de La 2 fóra de horario infantil, a rubia de Al salir de clase que collía hepatite B por unha tatuaxe, o graffiti dunha xeringa rota xigante coa palabra “No” preto da casa da miña avoa.

En contraposición ao medo xustificado a caer enriba das xeringas usadas que aparecían ciscadas nos arbustos do parque de Santa Margarida ou nas escaleiras do Palco da Música de Méndez Núñez, lembro un terror irracional ás persoas pálidas, delgadas e minimamente cambaleantes que vía pola rúa, estereotipo herdado, sen dúbida, de todo o que naquela época nos pasaba polos ollos en relación coas drogas. Ninguén me dixera que unha persoa presuntamente adicta me fose picar, mais esa era a miña teima cando era unha nena. Cando a detectaba mudaba de lado, gorecíame na persoa adulta que me acompañaba e notaba axiña un latexo na perna (porque era aí, na parte externa da coxa, onde estaba segura de que me picarían). Nunca aconteceu. Por iso sei que a “psicose” que leo estes días en varias novas dos principais xornais galegos non é tal. 

Todas as mulleres que están a denunciar picadas en contextos de ocio masivo teñen un poderoso precedente que elimina da ecuación calquera referencia a unha psicose, unha obsesión ou unha paranoia: as picadas a mulleres en ambientes multitudinarios e festivos son reais. O único debate posible é se esas picadas corresponden ou non á inxección de substancias químicas co obxectivo de cometer unha agresión sexual. Obviar que ir picando mulleres é unha agresión en si mesma, non detectar niso unha nova práctica de terrorismo machista e non darlle ao que está a acontecer a importancia que merece responde ao tratamento habitual cara á violencia de xénero cando o que presenciamos non é unha labazada, un empurrón ou un ollo morado. 

Volveu o iceberg da violencia invisible. Volveu o tópico das histéricas, as esaxeradas, as psicóticas. O “aquí non pasa nada”. “O bulo amargou a actuación”. “Era a picada dun insecto”. “É de ciencia ficción”. Mais, sobre todo, volveu o medo a saír á rúa -real, racional, contaxioso-, ese que demostra que a única psicose é a dunha crianza que ve moita tele e o título dunha peli de Hitchcock.

Comentarios