Opinión

Perigosas

Un dos motivos polos que decidimos emprender unha lectura é a promesa de que nela nos imos atopar. Pasoume con Virginie Despentes e a súa Teoría King Kong: "Escribo dende a fealdade, e para as feas, as vellas, as camioneiras, as fríxidas, as mal fodidas, as infodibles, as histéricas, as taradas, todas as excluídas do gran mercado da boa moza (...) Paréceme formidable (...) que haxa mulleres que ulan a sexo e outras á merenda dos nenos que saen do colexio". O mesmo efecto da escritora francesa, que logra que nos identifiquemos dun xeito case terapéutico, teno o foro 'As mulleres que opinan son perigosas'. Con cinco edicións baixo a coidada organización das xornalistas Susana Pedreira e Diana López Varela (e co meritorio apoio da Deputación e o Concello de Pontevedra), é, sen dúbida, a cita máis importante sobre xornalismo do noso país, e probablemente unha das máis importantes sobre feminismo do Estado.

É un auténtico privilexio escoitar a algunhas das xornalistas máis lúcidas de Galicia –Carolina Sertal, María Obelleiro, Lara Graña ou Fernanda Tabarés– e a compañeiras de todo o Estado –Paloma del Río, Rosa Montero ou Marta García Aller–. Elas fan que case me esqueza botar en falta a compañeiros que cada ano preguntan se imos "ao das mulleres", como tamén un foco mediático que relega este encontro ás páxinas dunha información local excelente. Máis alá da precariedade que asolaga a profesión, as participantes abordan a emoción, a carga mental, os coidados, o abuso sexual, o envellecemento, os teitos de cristal –ou de formigón armado– e a síndrome da impostora que tantas veces nos leva a autocensurarnos; agora tamén, os catro anos e unha pandemia despois da explosión feminista de 2018 e a ameaza real dun goberno sen sitio para unha igualdade que, pensan aqueles, nunca tivo que estar no centro de ningunha axenda.

Dende aquí reivindico este foro que remove as temáticas que seguen a causar incomodidade nas redaccións, onde a maioría das profesionais xa son mulleres, mais non así cando se escala nos postos de mando; non así na opinión, onde somos menos do 20% das sinaturas dos xornais; mentres nos fogares continuamos a cargar co peso da conciliación, as medias xornadas e o abandono profesional. Non era o desexado, mais segue a ser necesario que nos atopemos cada ano para lembrarnos que si, porque opinamos, porque existimos, somos perigosas.

Comentarios