Opinión

Os polos

Teñen que desculpar. A min o discurso da polarización pilloume lendo a Virginie Despentes e vendo por primeira vez El silencio de los otros. Con isto da campaña da extrema dereita en Madrid e os sobres con balas e coitelos, seica esta sociedade nunca estivo tan polarizada como agora. Que nós, hoolingans da democracia, estamos a amosar un nivel de extremismo só equiparable ao dos que erguen a man dereita tan axilmente como quen saúda de lonxe.

Penso na cara que podería poñer Despentes, despois de expoñer a homoxeneización da opresión coa que nos deleita o capitalismo, sen que ninguén repare na palla do seu propio ollo, incapaces de ver que a solución é o que non facemos: rachar con todo. Romper o silencio do politicamente correcto. Un polo. Un de verdade. Coñecemos a Ascensión Mendieta, a cara visible da primeira exhumación derivada da querela arxentina contra os crimes do franquismo, e a súa emoción o día que puido sacar ao seu pai da fosa de Guadalajara.

Non tanto a María Martín, que finou despois dunha vida visitando a cuneta onde asasinaron a súa nai, coa misiva de resposta ás súplicas do seu pai sempre na memoria. "Te la llevarás al cementerio cuando las ranas críen pelo". Da hora e media que dura o documental de Almudena Carracedo e Robert Bahar, sobran 80 minutos para decatarse do pouco que piden as vítimas da memoria histórica e da migalla que reciben. Do velo tupido e pesado que sosteñen as institucións dunha democracia que lexitima a inxustiza na amnistía para todos. De que os polos capaces de eliminar o fascismo e a barbarie están ben ocultos baixo a terra

Comentarios