martes 28.01.2020

Ola, mae

Hai un momento do filme O que arde, de Oliver Laxe, que encolle especialmente o corazón. Amador regresa do cárcere á súa recóndita aldea dos Ancares, non sen facer previamente unha longa viaxe en autocar e un tramo a pé baixo a choiva. Alí, ocupada na modesta horta da casa, Benedicta, a súa nai, queda petrificada ao velo. "Ola, mae", dille o fillo. E só despois de moitos segundos de xestión emocional, ela responde “tes fame?” con todo o amor que pode caber nun ser humano.

Venme á cabeza esa escena ao ver imaxes da manifestación anual polos dereitos dos presos vascos –entre outros, a fin da dispersión– que moitas figuras mediáticas insisten en disfrazar dun acto a favor de ETA (disolta, pero aínda en sobreúso no argumentario político de moitos señores no Congreso dos Deputados). Unha protesta que, digámolo de paso, encabezaron Rosa Rodero, viúva do ertzaintza asasinado por ETA Joseba Goikoetxea, e Axun Lasa, irmá do asasinado polos GAL José Antonio Lasa. Unha protesta que nos queda lonxe pola súa discreta difusión, pero nunca máis do que se atopan tantas nais e pais dos seus fillos repartidos en prisións do Estado. Lonxe, como me manifestou sentir Edurne, unha das nais dos mozos de Altsasu, a xustiza española. Para todos os acusados pola liorta, a fiscalía solicitaba penas de terrorismo que evidenciaron outra vez o inconveniente de chamarse Jokin, Oihan ou Adur diante dun tribunal. E despois, a sentenza: as oito condenas suman máis de 50 anos de prisión.

Volvo a Benedicta, a Amador e aos Ancares e penso que oxalá todas as nais poidan escoitar un “ola, mae” cada día das súas vidas. Ou “kaixo, ama”.

Ola, mae
comentarios