Opinión

O amor que queremos

Acaba de confirmarse que unha das parellas máis célebres do panorama internacional, a que formaban os cantantes Rosalía e Rauw Alejandro, decidiu rematar a súa relación sentimental. Os artistas, que hai só catro meses lanzaban un proxecto musical conxunto de tres cancións, con petición de man incluída como colofón a un videoclip que correu como a pólvora polo mundo enteiro, cunha intensa promoción en revistas, televisións e ata vagóns de metro, e amplificadas proclamas de amor ante miles de persoas nos seus concertos, puxeron punto e final á súa historia e romperon tantos corazóns como lexións de seguidores teñen.

Entre as moitas teorías sobre se a historia amorosa da catalá e o portorriqueño foi rendible no económico e desfavorable no resto, se houbo ou non terceiras persoas e se todo ese exhibicionismo da intimidade pagou a pena, rómpeme o corazón reparar nesa lexión de fans, ionquis da súa relación máis que da súa música, que creron con convicción que iso era o amor. Penso en todas as persoas que seguiron a diario a vida conxunta das dúas celebridades, que vibraron con cada vídeo, cada viaxe e cada intercambio de promesas sen reparar en que todo estaba a acontecer diante dunha pantalla baixo a noción de ser compartido. Coa verdade ruborizada baixo a pátina do escaparate.

Nos perfís de Instagram de Rauw e Rosalía non había anoxos nin pés esquerdos nin lagañas nin tapas de retrete levantadas nin caras engurradas polas migallas de pan sobre a alfombra. Había unha coidada selección de escenas de amor cuxa frecuencia no espazo-tempo descoñecemos. E os ionquis do amor crérono. Crémolo. Crémolo con forza e desexámolo para nós mesmas, como unha utopía pracenteira e inalcanzable.

Coñezo moitas persoas que sofren episodios de ansiedade cando as súas parellas se amosan reticentes a compartir a súa vida amorosa nas redes sociais. Moitas. Pensan, convencidas, que algo malo está a pasar cando a persoa que queren se nega a propagar, compartir e exhibir publicamente o seu amor. Non é abondo coa tenrura, o afecto e a paixón que nos profesamos alén da pantalla. Sospeito que, cando tratamos de emular o romanticismo que vemos na rede, estragamos a intimidade das postas de sol. Desprezamos, nun só xesto, a verdade da nosa propia historia mentres perseguimos o amor que queremos.

Comentarios