Opinión

Miseria ‘cool’

Entre todas as cousas que están de moda nesta era de influencers, startups e engagement, estamos a experimentar unha febre tola polos anglicismos que nos serven, entre outras cousas, para transformar o cotián nunha cousa cool. Ou, o que é o mesmo, guai. Porque, amigas, aquel adxectivo que rimaba con Paraguay e que causou furor nos 80 vén de subir de nivel, quedando nun demodé de libro para dar paso á súa versión máis actualizada. Ou, o que é o mesmo, máis liberal, e no sentido máis estrito da palabra: usamos o cool para agochar unha precariedade que, no mundo dos likes e das stories de Instagram, non nos interesa mostrar. Moito menos aos poderes fácticos.

Así que despois dos minijobs para falar dos empregos mal pagados, o nesting para chamar vagas –con moito estilo– ás que quedan na casa porque non poden gastar diñeiro no ocio, e do coworking para as emprendedoras que traballan xuntas nun mesmo espazo porque non lles dá para o aluguer dunha oficina, chegou o coliving, sen oco para a casualidade, en plena pandemia. Porque esta crise sanitaria de orfandade da saúde mental, combinada cunha miseria acrecentada entre a poboación, está a forzar a moitas persoas a vivir en habitacións e espazos compartidos. “Para desquitarse da soidade do confinamento”, reza un medio, e pasa a citar, acto seguido, as empresas que ofertan esta nova modalidade residencial –que non é outra que a das xustiñas de pasta de toda a vida. Todo para non dicir que o verdadeiro desquite é o pago da vivenda unipersoal que unha xa non se pode permitir. Pero que miseria máis cool.

Comentarios