Opinión

A miña amiga de Adeslas

Cando era adolescente, tiña clara e cristalinamente identificada á miña amiga de Adeslas. Era ela e ningunha outra, e ninguén lle arrebataba nunca aquel título porque ningunha máis das que formabamos parte da cuadrilla pediamos quenda nunha clínica privada cando precisabamos unha cita médica. Ou, polo menos, ninguén máis o dicía.

Para o resto, a sanidade privada era como o perfume fronte á colonia, como o Hipercor fronte ao Familia ou como o parador fronte ao albergue. A única excepción para moitas de nós era a cita xinecolóxica, onde normalmente nos atendía na súa consulta particular unha muller ou un señor moi maior da confianza de alguén da familia; ou quizais iamos alí pola posibilidade de escoller a quen confiarlle a exploración das nosas profundidades que, naquel tempo, nos causaban tanto rubor.

Naquela única excepción, todas tiñamos unha tendencia exacta á da nosa amiga de Adeslas: nunca falabamos mal da consulta privada. Se a citoloxía doía, doía. Como non ía doer ese aparello frío e duro empurrando as paredes do útero? Se o xinecólogo era desagradable, non debiamos mesturalo coa súa profesionalidade. Como rexeitar o servizo premium da nosa saúde sexual e reprodutiva? Como desprezar o perfume da sanidade, pagado gostosamente do peto de mamá?

Coido que, por esas revisións xinecolóxicas que na privada recomendan facer cada ano, logo mamografías e, polo medio, embarazos súper-personalizados, cesáreas programadas e partos por catálogo, entre outros servizos estrela, hoxe vivimos rodeadas de persoas, amigas e coñecidas, que pagan relixiosamente un seguro de saúde. Supoño que, dalgún xeito, todas (e todos) somos hoxe un pouco aquela amiga de Adeslas. E niso, a saturación da sanidade pública, resultado dunha pésima xestión política que afoga o persoal, vulnera os dereitos da poboación e degrada un piar do que sempre presumimos (e este si, pagámolo todos), ten moito que ver. O negocio da saúde, que factura hoxe un 30% máis que hai só 5 anos, pandemia mediante, tamén.

Hai uns días viralizouse o vídeo dunha muller a piques de dar a luz que entrara en pánico ao saber canto lle ía custar o parto nun hospital privado por non ter contratada a hospitalización. “Aí decátaste do custo real e da sorte que temos de ter unha boa sanidade pública”, concluía. Na miña mente apareceu de súpeto a amiga de Adeslas o día que descubriu, tamén ela, que a saúde fráxil do seu pai non tiña prezo.

Comentarios