Opinión

Georgina, Cristiano e a clase

Hai certa perversidade nas historias das persoas feitas a si mesmas que triunfan nas plataformas de vídeo. Ocorre especialmente cando eses personaxes que suman unha boa lexión de admiradores teñen e enarboran unha orixe humilde. "Hai cinco anos, a miña vida cambiou. Son a muller do home máis seguido do mundo. Sei o que é non ter nada e sei o que é telo todo". Esa é a carta de presentación de Georgina Rodríguez, a flamante parella de Cristiano Ronaldo que agora protagoniza o seu propio documental, Soy Georgina, cun resultado de éxito global. É o conto da dependenta dunha boutique da madrileña rúa Serrano que namora a un astro mundial do fútbol e deixa a súa vida de currela atrás. É outra historia de muller salvada por príncipe azul, e así é como ela mesma se refire ao deportista.

Despois dun lustro nun papel discreto –entendendo a discreción como unha sucesión de posados diante das cámaras sen case abrir a boca–, Georgina preséntase ante o mundo como modelo icónica, nai abnegada, muller de aspecto perfecto as 24 horas do día (ata en chándal) e amiga incondicional das súas amigas "de sempre". "Antes de que entren na miña casa, pégolles uns mangueirazos porque, se non, Cris non me deixa que senten no sofá", paródiaa nun vídeo viral a cómica Victoria Martín. O humor, máis unha vez, como imprescindible revulsivo crítico da banalidade para as masas.

Georgina fala das cinco horas diarias de autobús que investía en ir traballar dende un piso que describe como un rocho mentres viaxa en avión privado, festexa coas amizades nun iate e baleira gratis media tenda de luxo na galería Vittorio Emanuele de Milán. Georgina rememora o seu pasado en Jaca mentres mantén unha videochamada con Cristiano para amosarlle como a clase popular á que un día pertenceu a segue en masa pola rúa. Georgina chora coas cartas que lle escriben as crianzas que visita nun piso tutelado, que nunca terán o que teñen as súas para que as súas poidan telo todo.

Georgina fai tantas cousas que case non se percibe a ausencia estarrecedora dun Cristiano demasiado ocupado para atender os negocios que ergueu, as casas que adquiriu e os fillos que mercou. É ela quen se encarga de todo iso, e a fórmula funciona: a modelo e o futbolista teñen tanta clase que ninguén repara no profundo desprezo á clase que ambos deixaron atrás. "É un home súper normal", enxalza a modelo da súa parella, e de si mesma.

Comentarios