Opinión

Fóra do tapete

Biles enfiou o camiño á gloria. Estaba lista. Despegou, saltou, voou ben alto e aterrou, superlativa, con esa forza desmedida que lle sobra polos catro ventos, fóra do tapete. Amolouse coa elegancia dunha felina que continúa tras caer de pé e, como se todo fose un acto medido e premeditado para facernos espertar, lembrounos que é humana. Todo o que veu despois, renunciando a continuar nos Xogos Olímpicos por saúde mental, e anunciando máis tarde a súa participación na final de barra de equilibrios, fíxoa máis femínida aínda. E levou o bronce.

Quen non entende o proceder dunha ximnasta de 24 anos, con todas as expectativas dun planeta ao lombo, que toma a decisión meditada de parar, non entende absolutamente nada. Lembro cando vivía cun medo constante a tropezar, a caer, a quedar exposta con todas as miñas miserias, que me parecían moitas, e non era quen de ver outra cousa, moito menos algunha positiva. Tiña 20 anos e non era deportista de elite. Dende entón, teño que loitar cada día da miña vida, con axuda e autovixilancia, para non perder o equilibrio. Estou segura de que esa, e non outra, é a gran fortaleza que hai en min. Co lugar, o momento e as persoas correctas, como dixo Ana Peleteiro tras facerse co bronce en triplo salto.
Dende un sofá, hai quen se atreveu a falar da debilidade de Simone Biles. Na vila olímpica, o tenista Novak Djokovic enarborou o privilexio de sentir presión, horas antes de lanzar polos aires unha raqueta. E eu, aquí, a piques de poñer o móbil en modo avión para gozar da desconexión dixital das vacacións, reivindico o dereito a caer fóra do tapete.

Comentarios