Opinión

Depende

A Fiscalía de Ceuta vén de arquivar a causa sobre as devolucións en quente de menores durante a crise migratoria e humanitaria do mes de maio. Considera que non pode acreditarse a minoría de idade de aquel rapaz de 16 anos –si acreditado por xornalistas alí presentes– que chegou á costa ceutí flotando nunhas botellas de plástico e que implorou entre bágoas aos militares que non o devolvesen a Marrocos. Foi devolto ese mesmo día.

A crise que deu tantos titulares xa hai tempo que nos esqueceu. Semella condenada a quedar nun caixón, malia formar parte da gran catástrofe da nosa historia: a que acontece todos os días nalgún lugar do globo e deixa espido un mundo de arriba e abaixo, de máis e menos, de brancos e negros. Ao contrario do que debería pasar, o que nunca acaba de solucionarse non vende. Menos aínda cando xa non nos pisa a parcela e non hai racistas berrando. É o síntoma máis evidente da enfermidade do xornalismo: a crise máis importante da nosa historia desaparece tras o uso e abuso do #breaking, o #urxente, o #últimahora.

Un pranto humanitario a uns quilómetros da nosa casa remata cunha resolución que esquiva, sen se salpicar, a presunción de minoría de idade dun neno –cando aos "de aquí" xamais se lles cuestiona–, e case non nos enteramos. Porque é migrante. Porque é de abaixo. Porque en materia de Dereitos Humanos, todo depende: depende de se es muller ou home, homosexual ou hetero, animal ou humano; depende de como te defines ou te significas; depende da parte do mundo na que naces e dos poderes aos que ameazas por pretender ser libres e iguais.

Comentarios